O BNG de Vigo propón un plan de apoio ao comercio para avanzar na normalización do galego

Redacción

A fronte nacionalista defende impulsar o uso da lingua propia como “unha verdadeira marca de calidade” no comercio de proximidade e reclama tamén a creación dunha Oficina Municipal de Dereitos Lingüísticos

Xabier P. Igrexas: “O Concello ten que converterse nun verdadeiro axente implicado na plena normalización da lingua galega na maior cidade de Galiza”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vai trasladar ao Goberno municipal unha batería de propostas para reforzar o compromiso do Concello coa normalización da lingua galega, entre as que destaca a posta en marcha dun plan de apoio ao comercio local para promover a atención á clientela en galego e a creación dunha Oficina Municipal de Dereitos Lingüísticos.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, xustificou estas iniciativas pola “moi preocupante situación que atravesa a lingua galega na maior cidade de Galiza”, e defendeu que a administración local debe asumir un papel activo na defensa e promoción do idioma propio. “Temos que converter o Concello nun verdadeiro axente implicado na plena normalización da lingua galega en Vigo”, afirmou.

A lingua, marca de calidade

O BNG considera que o comercio local constitúe un espazo estratéxico para ampliar o uso social do galego e reforzar a súa presenza na vida cotiá da cidade. Nese sentido, a principal proposta céntrase na creación dun programa municipal de apoio ao comercio e proximidade para favorecer o uso do galego na atención comercial e tamén a rotulación dos estabelecementos na nosa lingua.

Segundo explicou Igrexas, a iniciativa está especialmente pensada para “o comercio de proximidade que vertebra a cidade, que dinamiza os nosos barrios e as nosas parroquias”, colaborando cos pequenos e medianos establecementos para garantir que a atención á clientela se poida realizar en galego. “Trátase promovermos a lingua como verdadeira marca de calidade, fomentando o seu uso no ámbito comercial e a súa utilidade para identificar produtos e servizos de proximidade”, destacou.

Oficina Municipal de Dereitos Lingüísticos

A segunda medida que formula a fronte nacionalista é a creación dunha Oficina Municipal de Dereitos Lingüísticos, despois do recente caso de discriminación por razón de lingua denunciado por unha clienta nun establecemento comercial de Vigo.

“Diante de feitos tan preocupantes como os que se denunciaron no día de onte, dun grave caso de discriminación por uso do galego contra unha clienta nun establecemento comercial da nosa cidade, propoñemos que o Concello de Vigo se dote dunha Oficina Municipal de Dereitos Lingüísticos”, exlicou Igrexas.

O obxectivo desta oficina sería ofrecer apoio á cidadanía e impulsar actuacións que garantan o exercicio efectivo dos dereitos lingüísticos.

“Do que se trata é de despregar medidas concretas para garantir o dereito de todas as viguesas e de todos os vigueses a poder vivirmos plenamente no noso idioma todos os días do ano, en todos os ámbitos, en todos os lugares e en todas as situacións”, concluíu o portavoz municipal do BNG.

Comparte este artigo