O BNG de Vigo reclama a Caballero que poña fin ao tarifazo do lixo e compense á veciñanza que recicla

Redacción

Denuncia o “castigo” do Goberno local cun dos recibos máis caros do Estado e advirte de que non se están a aplicar os descontos incluídos na ordenanza fiscal

Demanda aplicar e ampliar a bonificación por reciclaxe, facer tarifas progresivas polo número de persoas no fogar e avanzar cara a un modelo que deixe atrás Sogama

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses fan os deberes, quen non os fai é o Concello”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama ao Goberno municipal que poña fin ao tarifazo do lixo en Vigo e compense á veciñanza que recicla. A fronte nacionalista destaca o aumento da recollida na fracción orgánica dun 15,4% no primeiro semestre do ano como unha “lección de compromiso ambiental” das viguesas e vigueses que, advirte, non se está a reflectir no prezo do recibo.

“Se a cidade recicla máis, por que seguimos pagando o tarifazo do lixo após a suba do recibo en máis dun 30% nos últimos anos?”, cuestionou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen critica que se “castigue” á veciñanza cun dos recibos máis caros de toda Galiza e do Estado, por riba de cidades como Madrid, Barcelona ou Valencia.

Igrexas denunciou que o Goberno municipal está a incumprir a ordenanza fiscal ao non aplicar unha bonificación do 65% na cota variábel a aqueles fogares que fan uso do contedor marrón, o composteiro ou o punto limpo. Un desconto que, segundo a propia normativa, debería aplicarse de forma automática e suporía unha rebaixa de 19,11 euros para fogares de ata tres persoas e de 23,98 euros para aqueles de catro a seis.

O portavoz nacionalista esixiu que se aplique esta bonificación, que o Goberno municipal recoñeceu que non está a xestionar, e que se amplíe ese desconto até o 75%. Aliás, propuxo facer tarifas progresivas “para que deixe de pagar o mesmo un fogar dunha persoa que outros con catro” e tamén avanzar cara a un novo modelo de xestión que aposte pola redución en orixe, a reutilización, a reciclaxe e a compostaxe. Medidas que o Bloque vai trasladar de cara á aprobación da ordenanza fiscal para 2027.

Deixar atrás o modelo Sogama

Dende o BNG volveron cuestionar o modelo de Sogama, que queima a metade do lixo e apenas recupera un 7%, lembrando que o incremento do canon por parte da sociedade xestora dos residuos non é culpa das familias senón dun “modelo obsoleto, contaminante e carísimo que só beneficia intereses privados amigos do PP”.

Por este motivo, Igrexas insistiu en que o Goberno de Caballero non pode “castigar” á veciñanza cun recibo máis caro pola súa falla de xestión e reclamou que se recompense a “responsabilidade ambiental” das viguesas e vigueses á hora de reciclar.

Comparte este artigo