O BNG de Vigo reclama a devolución do proxecto de ZBE con multas por “fracasado e inxusto”

Redacción

Rexistra unha emenda á totalidade da ordenanza do Goberno de Caballero que “discrimina e castiga a veciñanza que non se pode permitir o luxo de cambiar de vehículo”

A fronte nacionalista insiste nun modelo sen restricións nin sancións que potencie o transporte público, a mobilidade peonil, en bicicleta e VMP como alternativa ao coche

Xabier P. Igrexas: “Estamos a tempo de evitar unha nova equivocación e de sentar as bases para avanzar cara un ‘Novo Vigo’ máis verde, seguro, saudábel e habitábel”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama a devolución do proxecto de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) con multas e perímetros para Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha emenda á totalidade da ordenanza elaborada polo Goberno de Abel Caballero por considerar que “insiste nun modelo fracasado a nivel ambiental e inxusto socialmente”.

“O reto non é substituír vehículos de combustión por coches híbridos ou eléctricos, que son inaccesíbeis para a ampla maioría social que representan as clases populares e traballadoras”, advertiu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que defendeu no seu lugar un modelo que brinde alternativas ás viguesas e vigueses para que “deixe de ser obrigatorio o uso do coche particular” na cidade.

Fronte ao sistema de 4 perímetros restrinxidos con multas do Goberno local, que dende o Bloque tachan de “mala copia de Madrid Central”, o portavoz nacionalista insistiu nunha alternativa integral que faga de toda a cidade unha ZBE pero sen restricións nin sancións. Un modelo que, explicou, pasa por “moito máis e mellor” transporte público e medidas que potencien a mobilidade peonil, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal.

Igrexas reivindicou a proposta do BNG como unha “alternativa para revolucionar a mobilidade en Vigo”, que reduza “de verdade” as emisións contaminantes en todo o termo municipal para avanzar cara a un “Novo Vigo” máis verde, seguro, saudábel e habitábel. “Estamos a tempo de evitar unha nova equivocación e de sentar as bases dun modelo de cidade que enfrente de verdade a situación de emerxencia climática”, defendeu.

Proceso participativo

Dende a fronte nacionalista propuxeron xunto coa emenda á totalidade que se poña en marcha a revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel, sen actualizar dende o ano 2020, e que se abra un proceso participativo coa convocatoria dos Consellos Sectoriais de Transportes, Medio ambiente e Accesibilidade local.

Comparte este artigo