A fronte nacionalista demanda tamén o mantemento da gratuidade para menores de 15 anos e os descontos para menores de 30 e reclama a equiparación do bono estudante co universitario
Denuncia que Vigo ten o prezo de bus máis caro, tanto en billete ordinario como en tarifas bonificadas, das 7 cidades galegas e lembra que o pasado mes de xuño os bonos aumentaron un 20% o seu prezo
Xabier P. Igrexas: “É o momento de priorizar o uso dos recursos públicos para facilitar o acceso ao transporte colectivo, especialmente á maioría social que representan as clases populares e traballadoras”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo demandou hoxe, na Comisión Informativa de Fomento e Servizos, que o Goberno municipal conxele con carácter xeral as tarifas ordinarias e as bonificacións do autobús urbano durante o ano 2026, diante da “opacidade absoluta” coa que o Concello está a abordar esta cuestión a piques de rematar o ano.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, reclamou que esta conxelación inclúa expresamente o mantemento da gratuidade para as menores de 15 anos, así como os descontos actuais para a franxa de idade entre os 15 e os 30 anos.
Creación dun bono social gratuíto
Desde o BNG, Igrexas volveu demandar a creación dun novo bono social gratuíto destinado ás persoas de baixos ingresos, como son perceptoras da RISGA, IMV, PNC, RAI e outras axudas semellantes, así como ás persoas desempregadas de longa duración.
“É incomprensíbel que persoas en situación de vulnerabilidade, con ingresos que non garanten unha subsistencia digna, teñan que pagar por facer uso dun servizo esencial como é o transporte público”, denunciou o portavoz nacionalista.
Aliás, reiteraron a necesidade de que se equipare o prezo do bono estudante co universitario, poñendo fin a unha “discriminación absurda” que non ten xustificación algunha.
O bus urbano máis caro de Galiza
Igrexas advertiu de que estas medidas son “imprescindíbeis” para evitar que o autobús urbano de Vigo continúe a encarecerse, nun contexto no que a cidade xa conta cos prezos máis altos das sete cidades galegas, tanto nos billetes ordinarios como nos bonos.
“O pasado mes de xuño aplicouse unha suba do 20% nas tarifas bonificadas, o que supuxo un novo golpe para milleiros de persoas usuarias”, lembrou. Para o BNG, esta política tarifaria resulta aínda máis inxustificábel se se ten en conta que o Concello “vai deixar sen executar en 2025 máis de 100 millóns de euros do seu orzamento”, polo que o custe destas propostas é “perfectamente asumíbel”.
Aposta estratéxica pola mobilidade colectiva
O portavoz municipal do BNG defendeu que Vigo necesita unha aposta estratéxica decidida pola mobilidade colectiva, por ser “a máis accesíbel en termos económicos e a máis sustentábel a nivel ambiental”.
“É o momento de priorizar o uso dos recursos públicos para facilitar o acceso ao transporte colectivo, especialmente á maioría social que representan as clases populares e traballadoras”, concluíu Igrexas.



