O BNG de Vigo reclama da Xunta o arranxo inmediato das deficiencias no centro de día Atalaia

Redacción
Lectura mínima de 3

A fronte nacionalista traslada ao Parlamento galego as denuncias das familias usuarias e do persoal polas filtracións de auga e frío que padecen dende hai 15 anos

“É un exemplo claro das políticas de abandono e castigo que a Xunta do PP aplica en Vigo”, critican a deputada Carmela González e o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama da Xunta de Galiza o arranxo inmediato das deficiencias no centro de día público Atalaia, no barrio vigués de Teis. A fronte nacionalista vén de trasladar iniciativas ao Parlamento galego recollendo as denuncias do centro polas filtracións de auga e frío que padece dende hai 15 anos polo deterioro das fiestras.

Este xoves a deputada do BNG, Carmela González, e o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, mantiveron un encontro con familias usuarias e representantes do persoal do centro de día para coñecer de primeira man os problemas derivados do mal estado das instalacións, que contan con máis de 40 anos de antigüidade.

“É inaceptábel que nun centro de día, no que se atenden a 25 persoas maiores, filtre auga os días de choiva, entre vento e frío, provocando riscos para a saúde e mesmo situacións de inseguridade para as persoas maiores e as traballadoras e traballadores do centro de día Atalaia”, criticaron. Filtracións de auga e vento que, advirten, disparan tamén o consumo da calefacción.

Dende o Bloque esixiron por este motivo unha actuación urxente para substituír as fiestras neste centro público, dependente do Consorcio Galego de Benestar por parte do Goberno de Alfonso Rueda, evitando desta maneira que un novo inverno sufran as inclemencias meteorolóxicas no interior das instalacións, como levan 15 anos a denunciar, e garantir así unhas “condicións seguras e dignas”.

Ningunha praza pública dende 2009

Para a fronte nacionalista esta situación no centro de día de Teis é un “exemplo claro das políticas de abandono e castigo que a Xunta do PP aplica en Vigo”, que se fan notar con especial incidencia nas políticas de benestar social e coidados. A ese respecto, lembran dende o BNG que non se ten habilitado ningunha praza pública dende o ano 2009 en centros de día ou residencias de maiores na maior cidade galega.

“Un centro de día non é un almacén de persoas maiores”, subliñaron dende o Bloque, criticando a “total desatención” das instalacións destinadas ás persoas maiores que existen en Vigo.

Comparte este artigo