O BNG de Vigo reclama maior control do Concello sobre os continuos vertidos ilegais no río Lagares

adminON
Lectura mínima de 3

Demanda un sistema de videovixilancia para identificar a orixe das verteduras e pide declarar o río como Espazo Natural de Interese Local para aumentar a súa protección

Esixe tamén poñer fin ao vertido de millóns de litros de augas sen depurar á Ría de Vigo

Xabier P. Igrexas: “É preciso que o Concello mobilice máis medios materiais e humanos para evitar que o Lagares continúe a ser utilizado como unha grande cloaca”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama un maior control do Concello de Vigo sobre os continuos vertidos ilegais no río Lagares, o último rexistrado nos pasados días. A fronte nacionalista chama a reforzar cun sistema de telecontrol e videovixilancia que detecte en tempo real os cambios na calidade da auga para facilitar a identificación da orixe das verteduras.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, demandou ao Goberno de Abel Caballero que “actúe con contundencia” para protexer o Lagares como “verdadeiro pulmón azul e verde” da cidade. Por este motivo, pediu intensificar e sistematizar as inspeccións da concellaría de Medio Ambiente nos puntos onde se producen de forma recorrente vertidos potencialmente contaminantes que, afirmou, son “de sobra coñecidos por parte do Concello”, ligados en moitos casos a industrias instaladas nas marxes do río.

Igrexas pediu mobilizar máis medios materiais e humanos do Concello no obxectivo de evitar que o Lagares continúe a ser utilizado como “unha grande cloaca”. E esixiu tamén poñer fin tamén ao vertido de millóns de litros de augas sen depurar, que se repiten cada ano, a consecuencia dos chamados ‘alivios técnicos’ desde a estación depuradora do Lagares e outros puntos da cidade.

Dende o BNG lembraron ademais que o Lagares é hoxe o río galego que verte máis materiais plásticos ao mar, como acreditou un estudo da organización The Ocean Cleanup. Ese informe, subliñou o portavoz nacionalista, evidenciou que 9 de cada 10 toneladas de plástico que cada ano acaban contaminando a ría de Vigo teñen orixe no Lagares, cun fluxo case tres veces maior que ríos de moito maior caudal como o Miño.

Declarar como ENIL o Lagares

Nese camiño de mellorar a protección do Lagares, a fronte nacionalista avanzou tamén que vai demandar de novo que se inicien os trámites para declarar como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) os seus 17,5 quilómetros de curso fluvial, dende o nacemento na lagoa Mol en Cabral até a desembocadura en Samil.

“É o momento de despregar unha maior protección do río Lagares, desde unha aposta decidida e firme coa sustentabilidade ecolóxica, na certeza de que o futuro de Vigo só pode ser verde”, remachou Igrexas.

Comparte este artigo