HomePontevedraO BNG de Vigo reclama que o Concello se posicione na Fegamp...

O BNG de Vigo reclama que o Concello se posicione na Fegamp en contra das VTC na cidade

- Anuncio -spot_img

Demanda por escrito ao alcalde que “corte o paso” a realizar transportes urbanos de empresas transnacionais como Uber, que opera de forma “pirata” en Vigo dende xuño

Esixe da Xunta que anule as autorizacións por “incumprir a lei e falsear as licenzas”

Xabier P. Igrexas: “A política de brazos caídos do Goberno de Caballero e o lavado de mans do Goberno galego do PP están a abandonar e castigar o sector regulado do taxi”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama que o Concello de Vigo se posicione en contra de que empresas VTC, como Uber, poidan realizar transportes urbanos na cidade de cara á reunión, prevista este martes, xunto cos concellos da Coruña e Compostela coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para abordar esta problemática.

Así o vén de trasladar o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, nun escrito dirixido o alcalde de Vigo, Abel Caballero, no que demanda “cortar o paso de forme firme a clara” a que estas empresas transnacionais “colonicen” as rúas de Vigo facendo “competencia desleal” ao sector do taxi, que opera como transporte público regulado a nivel municipal.

“O Goberno de Caballero ten que abandonar a súa posición de convidado de pedra que está a permitir, por omisión, que Uber actúe de maneira pirata e ilegal desde o pasado mes de xuño en Vigo”, esixiu Igrexas. A ese respecto, denunciou que estas corporacións “opacas” detrás das VTC evaden impostos e impoñen a precariedade laboral.

Dende o Bloque pediron tamén que, na xuntanza da Fegamp, o Concello de Vigo reclame da Xunta de Galiza que exerza as súas competencias en materia de inspección e proceda a abrir expediente contra estas empresas, diante das numerosas probas de que están a utilizar a licenza outorgada para incumprir “de forma flagrante” a lei, ao realizar desprazamentos dentro do termo municipal cando só teñen autorización interurbana.

Endurecer os requisitos das VTC

O portavoz municipal nacionalista defendeu que o Goberno galego do PP ten que facer cumprir a lei diante destes “comportamentos abusivos” parte de Uber, procedendo a anular as súas autorizacións a nivel galego. Alertou, nese sentido, de que se están a consentir “irregularidades como falsear” os enderezos na trámitación das licenzas, comparando estas “facilidades” con Uber cos numerosos requisitos para o sector do taxi.

Por este motivo, dende o BNG consideraron que a reunión entre as cidades de Vigo, A Coruña, Compostela e a Fegamp debe rematar cun acordo para demandar o endurecemento das condicións que se esixen dende a Xunta ás empresas VTC, de cara a conceder a licenza para operar entre concellos galegos.

Igrexas acusou a Xunta de “complicidade” coa entrada das VTC en Galiza, en referencia a declaracións recentes do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo. Lembrou a ese respecto como un exdirixente popular en Vigo, e que tivo un alto cargo na consellaría de Economía, estivo a nómina dunha destacada empresa do sector como Cabify. “Na política de portas xiratorias do PP os únicos que gañan son sempre os mesmos: eles”, afeou.

Para a fronte nacionalista esta “política de brazos caídos” do Goberno de Abel Caballero xunto co “lavado de mans” do Goberno galego do PP están a “abandonar e castigar” o sector do taxi, malia ser unha modalidade de transporte público cuxas tarifas e condicións están reguladas polos concellos, e favorecendo a proliferación de empresas VTC. 

Publicacións Relacionadas