O BNG de Vigo reclama un Plan de Recuperación Integral do río Lagares fronte á política de “parcheo e postureo” de Caballero

Redacción

A fronte nacionalista demanda aumentar o control dos vertidos, avanzar na naturalización do río e declarar os seus 17,5 quilómetros como Espazo Natural de Interese Local

Xabier P. Igrexas: “É hora de pasar de actuacións puntuais e parciais a unha rexeneración completa e integral do pulmón azul e verde da nosa cidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclama ao Goberno municipal de Abel Caballero un cambio radical na política ambiental sobre o río Lagares, para superar o modelo de actuacións puntuais e parciais, como a que vén de anunciar o rexedor nas últimas horas nun treito do paseo, e avanzar na protección e valorización deste corredor ecolóxico fundamental para a cidade.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que “é hora de pasar de actuacións puntuais e parciais a un verdadeiro Plan de Recuperación Integral do Río Lagares”,  dotado de medios, planificación e obxectivos concretos fronte á actual política municipal de “parcheo e postureo”.

A fronte nacionalista considera que o Lagares constitúe un dos principais activos ambientais da cidade e reclama unha estratexia integral que combine a prevención da contaminación coa recuperación ecolóxica e a protección efectiva do seu contorno.

Vertidos

Igrexas alertou da situación de contaminación que sofre o principal curso fluvial de Vigo e lembrou os datos do último estudo de The Ocean Cleanup, segundo o cal “9 de cada 10 toneladas de plástico que contaminan a nosa Ría proceden do Lagares”.

“Non podemos seguir tolerando que o principal curso fluvial de Vigo continúe a ser tratado como unha grande cloaca”, afirmou o portavoz nacionalista, que advertiu de que o Lagares se converte así no río galego que máis plásticos verte ao mar, mesmo por acima de outros de moito maior caudal como o Miño, segundo os datos citados.

A esta problemática súmanse os continuos vertidos ilegais e os chamados “alivios técnicos” da EDAR, mediante os que se producen vertidos de millóns de litros cada ao de augas sen depurar.

Máis control e prevención

Como primeira liña de actuación, a fronte nacionalista reclama incrementar os medios humanos e materiais destinados ao control e prevención da contaminación.

Entre as medidas propostas figura a activación dun sistema de telecontrol e videovixilancia en tempo real, xunto coa intensificación das inspeccións nos puntos críticos de vertido, que, segundo Igrexas, son “máis que coñecidos polo propio Concello”.

“Fronte a esta inactividade, desde o BNG esiximos medidas con luces longas que vaian para alén do titular inmediato”, sinalou.

Todo o río ENIL

A segunda gran liña da proposta nacionalista pasa por avanzar na naturalización e rexeneración ecolóxica do Lagares, reforzando a súa protección mediante a declaración de todo o seu percorrido de 17,5 quilómetros, desde o seu nacemento na lagoa de Mol (en Cabral) até a súa desembocadura en Samil, como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Para o BNG, esta medida permitiría avanzar cara a unha protección integral dun corredor ambiental que debe ser entendido como unha infraestrutura verde esencial da cidade, e non como un simple espazo para actuacións ambientais illadas.

“Vigo necesita unha estratexia ambiental seria e con ambición. É o momento de recuperar e dignificar o río Lagares dende unha aposta firme pola sustentabilidade”, defendeu Igrexas, que concluíu reivindicando que “o futuro de Vigo só pode ser verde”.

Comparte este artigo