Rexistra un recurso de reposición para deixar sen efecto o acordo da Xunta de Goberno Local que quere impoñer un modelo de perímetros e sancións por tipo de vehículo
Defende converter todo Vigo nunha ZBE sen restricións nin multas dando alternativas ao uso do coche privado para reducir os elevados niveis de contaminación na cidade
Xabier P. Igrexas: “Con este recurso damos voz á maioría social que quere outro modelo de cidade: un Vigo máis habitábel, máis seguro e moito máis verde”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar este venres un recurso de reposición contra o proxecto de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) en Vigo. A fronte nacionalista pide deixar sen efecto o acordo da Xunta de Goberno Local, do pasado 5 de setembro, no que se aprobou un modelo que cualifica de “inxusto, restritivo e socialmente regresivo” que vai restricións á circulación por tipo de vehículo e multas.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, valorou que o modelo do Goberno de Abel Caballero vai na dirección contraria dos obxectivos que perseguen as ZBE e non vai permitir reducir os elevados índices de contaminación atmosférica e acústica na cidade, que conta co maior nivel de motorización de todo o Estado. “Afrontar esta realidade é unha obriga legal, pero tamén unha oportunidade para transformar Vigo nunha cidade máis habitábel, saudábel e sostíbel”, defendeu.
Igrexas subliñou que o modelo elixido non responde nin ás necesidades reais da cidade nin ás recomendacións que marcan tanto a lexislación vixente como as boas prácticas a nivel galego, estatal e europeo. Ademais, afeou que se aprobase “sen participación real” da veciñanza, incumprindo tanto a normativa municipal como as directrices elaboradas pola FEMP e o Ministerio de Transición Ecolóxica, que subliñan a importancia da transparencia, do diálogo social e da adopción de medidas integrais.
Perímetros e multas
O proxecto de ZBE do Goberno municipal prevé delimitar catro perímetros en Vigo–Centro, Bouzas, Calvario e Praza de Portugal–, nos que se imporán controis automatizados de acceso e sancións de até 200 euros, tal como fixa a Lei estatal de Tráfico que considera infracción grave o incumprimento das restricións de acceso.
“Caballero vai converter a ZBE nunha máquina de multas que discrimina claramente en función da renda”, cuestiono o portavoz nacionalista, advertindo que só quen poida permitirse mercar un coche eléctrico ou híbrido enchufábel terá liberdade de circulación, mentres que a maioría da veciñanza verá restrinxida a súa mobilidade.
Alternativa integral do BNG
O BNG defende unha alternativa integral, na liña das recomendacións dos principais organismos, para converter todo Vigo nunha Zona de Baixas Emisións pero sen restricións por tipoloxía de vehículo. “Do que se trata é de reducir o uso do coche e non a substitución de vehículos de combustión por eléctricos”, afirmou Igrexas.
Nese camiño, a fronte nacionalista ve fundamental brindar alternativas ao uso do vehículo privado cun conxunto de medidas estruturais que reduzan o tráfico innecesario: potenciar o transporte público, mellorar a mobilidade peonil e ciclista, e recuperar espazo público para as persoas. Un modelo que, destacou o portavoz do Bloque, está probado con éxito en cidades como Pontevedra “sen discriminar e multar á veciñanza” e conseguindo mellorar a calidade de vida.
“Con este recurso damos voz á maioría social que quere outro modelo de cidade: un Vigo máis habitábel, máis seguro e moito máis verde”, explicou. Por estes motivos, o BNG pide dar marcha atrás ao procedemento para abrir un “proceso real” de información e participación pública. Nese sentido, chama a convocar aos Consellos Sectoriais de Transporte, Accesibilidade, Medio Ambiente e mais o Consello Social da Cidade.