HomePontevedraO BNG de Vigo reivindica dous anos como primeira forza na cidade...

O BNG de Vigo reivindica dous anos como primeira forza na cidade fronte a unha Xunta do PP “instalada no castigo e no abandono”

- Anuncio -spot_img

Pon en valor a derrota rotunda do PP en Vigo nas eleccións galegas do 18F de 2024 e o masivo apoio da viguesas e vigueses que converteron o Bloque en primeira forza na cidade

A fronte nacionalista acusa o Goberno galego de Alfonso Rueda de ignorar o mandato das urnas en Vigo nas últimas eleccións galegas mentres agrava a crise sanitaria, industrial e da vivenda na cidade

Xabier P. Igrexas: “Diante dunha Xunta que nos castiga e dun Goberno local instalado no ‘máis do mesmo’, desde o BNG tendemos a man ás 56.820 persoas que nos converteron en primeira forza e a todas as viguesas e vigueses que non se resignan para construírmos, entre todas e para todos, un novo Vigo que sexa motor do cambio en Galiza”

Cando se cumpren dous anos das eleccións galegas de 2024, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reivindicou o “logro histórico” de que a fronte nacionalista se convertese na primeira forza política na cidade e denunciou que, desde entón, a Xunta do Partido Popular “fixo ouvidos xordos ao clamor expresado nas urnas que esixía a fin das políticas de abandono coas que levan castigando Vigo desde 2009”.

“Hoxe cúmprense dous anos das eleccións galegas de 2024 nas que as viguesas e vigueses derrotaron de maneira rotunda o Partido Popular e fixeron que o BNG nos convertésemos na primeira forza política na maior cidade de Galiza”, salientou Igrexas. Porén, lamentou que o Goberno de Alfonso Rueda continúa a aplicar as mesmas políticas que foron “rexeitadas de maneira masiva pola cidadanía viguesa”. No concreto aludiu ás necesidades desatendidas no ámbito sanitario, no ensino público, o contexto de crise industrial e o grave problema da vivenda.

Zona cero da desfeita sanitaria

Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista acusou o PP de manter Vigo como “zona cero da desfeita sanitaria”. Denunciou que o Hospital Álvaro Cunqueiro continúa “recortado e privatizado”, que persiste “a sanidade a dúas velocidades co concerto singular de Povisa” e que a Atención Primaria está “empurrada ao seu colapso”.A este respecto, cualificou o novo CIS Olimpia Valencia como “unha verdadeira estafa” porque, segundo explicou, “non engade ningún novo recurso, senón que os retira doutros centros de saúde”.

Abandono dos centros educativos

Igrexas estendeu as críticas ao ámbito educativo, falando de “dous anos de ataques do Partido Popular contra o ensino público”. No caso de Vigo, afirmou que esa política tradúcese nunha “permanente desatención das necesidades dos centros educativos”.

Enumerou situacións que cualificou de “inaceptábeis”, como “coles con cubertas que caen a pedazos, aulas impracticábeis ou institutos nos que non se pode beber auga da billa”, ademais de centros de FP, como o Manuel Antonio, “convertidos nun verdadeiro desastre”.

Crise industrial

No plano económico e laboral, o portavoz do BNG denunciou a “desertización produtiva e a grave crise industrial” que continúa a atravesar a cidade, ante a que o Goberno galego permanece, dixo, “cruzado de brazos”.

Igrexas alertou de que Vigo conta hoxe con “7 mil empregos industriais menos dos que había en 2009”, mentres sectores estratéxicos como o naval e a automoción atravesan “importantes dificultades”.

Problema da vivenda

Desde o Bloque cargaron tamén contra a falla de resposta do executivo galego diante do maior problema social da cidade que é o acceso a vivenda. Igrexas lembrou que existen “máis de 9 mil familias rexistradas a día de hoxe como demandantes de vivenda protexida” e criticou que a resposta da Xunta se limite a “un selfie de autobombo cada poucos días cos escasos avances no desenvolvemento do Plan Parcial de Navia”.

Advertiu de que, mesmo cando estea concluído, o Plan Parcial de Navia atenderá “menos do 20% da demanda de vivenda protexida”, o que evidencia —ao seu xuízo— a insuficiencia das políticas de vivenda pública do PP.

Voz firme no Parlamento

Fronte a esta situación, Igrexas reivindicou o traballo desenvolvido polo BNG no Parlamento galego. “Durante todo este tempo o BNG demostramos, con feitos, que somos a forza que defende os intereses de Vigo no Parlamento de Galiza, co impulso de termos 2 deputadas e 1 deputado pola nosa cidade que ergueron a voz para facer entender en Santiago ao Goberno de Alfonso Rueda que as 300 mil viguesas e vigueses somos 300 mil galegas e galegos, con necesidades e dereitos que a Xunta debe atender e respectar”.

O portavoz nacionalista cargou tamén contra o Partido Popular na cidade, ao que acusou de “non ter absolutamente nada que ofrecerlle ás viguesas e os vigueses máis alá do cambio de caras”, lembrando que leva “3 portavocías municipais diferentes no que vai de mandato”, tras a retirada da súa candidata á alcaldía, Marta Fernández Tapias e o recente relevo do seu voceiro, Miguel Martín.

Do mesmo xeito, reprochou ao Goberno municipal de Abel Caballeroestar “instalado na inercia do ‘máis do mesmo’ e no ‘canto peor mellor’ en lugar de procurar a cooperación con outras administracións”.

Un proxecto aberto para “un novo Vigo”

Con todo, Igrexas lanzou unha mensaxe en positivo, tendendo a man ás “56.820 persoas que hai hoxe dous anos nos converteron en primeira forza na cidade” e a “todas as viguesas e vigueses que non se resignan”.

O obxectivo, explicou, é sumar forzas arredor dun “proxecto aberto co que queremos construír, entre todas e para todos, un novo Vigo”, para avanzar cara a “unha cidade máis habitábel e moito máis verde, con vivenda accesíbel, un mellor transporte público, igualitaria e socialmente xusta, e que sexa o motor do cambio en toda Galiza”.

A dous anos daquel resultado histórico, o BNG reafírmase así como alternativa sólida para liderar un novo rumbo para Vigo, fronte ao que cualifica como “políticas de recortes e abandono” da Xunta do PP e a “inercia e falla de proxecto” do actual Goberno municipal.

Publicacións Relacionadas