O BNG de Vigo responsabiliza á Xunta da saturación nas Urxencias polos recortes nos centros de saúde

adminON
Lectura mínima de 3

Urxe mobilizar recursos e persoal na Atención Primaria diante do “perigoso colapso” que rexistra o Hospital Álvaro Cunqueiro, con picos de 600 pacientes nunha xornada

Xabier P. Igrexas: “Os centros de saúde están sobrecargados por falla de persoal e substitucións, o que deriva no colapso do PAC e acaba por saturar as Urxencias”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) responsabiliza á Xunta de Galiza da saturación que se está rexistrando nos últimos días nas Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, con picos de 600 pacientes nunha xornada e sobrecargas dun 45% en relación ao ano pasado. A fronte nacionalista considera que esta situación é unha consecuencia directa da “política de estrangulamento” do Goberno galego do PP contra a Atención Primaria.

“Os centros de saúde están sobrecargados por falla de persoal e substitucións, o que deriva no colapso do Punto de Atención Continuada (PAC) e acaba por saturar as Urxencias hospitalarias”, denunciou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, chamando a “rachar con esta cadea fatal” que pon en risco a saúde da veciñanza.

Dende o Bloque urxiron máis unha vez á Consellaría de Sanidade e ao Sergas a actuar de inmediato para reforzar os centros de saúde co persoal e recursos necesarios. Como exemplo, sinalaron como no último pico rexistrado no HAC, o pasado luns, unha de cada tres persoas que acudiron a Urxencias foran derivadas dende Atención Primaria.

Fronte a esta situación, o portavoz nacionalista defendeu o dereito das viguesas e vigueses a recibir atención sanitaria “todos os días do ano, tamén durante o verán”, en referencia aos recortes anunciados un ano máis en numerosos centros de saúde da cidade durante o período estival.

Lembrou nese sentido que existe unha instrución, recoñecida pola propia Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, para derivar as urxencias e atencións domiciliarias de varios centros de saúde como Beiramar ou Pintor Colmeiro cara o PAC, provocando a sobrecarga deste centro que, a xuízo do Bloque, conta xa con medios “insuficientes”.

O BNG censurou a ese respecto as declaracións da Dirección da Área Sanitaria acusando á poboación de saturar as Urxencias por acudir con doenzas “banais” que corresponden aos centros de saúde. “Non podemos seguir permitindo que a nefasta política de recortes e privatizacións do PP continúe a poñer poña en xaque o propio sistema sanitario, nin que sigan xogando coa saúde de todas e todos”, reivindicou Igrexas.

Comparte este artigo