Denuncia que o Sergas pretende abrir o novo Centro Integral de Saúde sen facer ningunha nova contratación e cun 20% menos do persoal da dotación prevista
Alertan de que a centralización dos servizos pediátricos compromete a continuidade asistencial que recomenda a OMS
Xabier P. Igrexas:”Non podemos permitir que a cidade de Vigo sexa o permanente banco de probas das nefastas políticas sanitarias do Partido Popular”
O Bloque Nacionalista Galego levará ao vindeiro Pleno do Concello de Vigo, que se celebrará o vindeiro luns, unha moción para impedir que a Xunta de Galiza, en mans do Partido Popular, “estafe” a cidadanía viguesa impoñendo no futuro CIS Olimpia Valencia o mesmo modelo do Isabel Zendal madrileño, un novo centro sanitario pero sen dotación de persoal propio nin novas contratacións.
Así o explicou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen expresou o seu total rexeitamento á intención do PP de seguir utilizando Vigo como “permanente banco de probas das súas nefastas políticas sanitarias” e cualificou o proxecto funcional do futuro CIS de “recorte encuberto”.
Igrexas reprochou que anuncio da apertura do Centro Integral de Saúde (CIS) “Olimpia Valencia” presentouse como unha solución, pero a proposta da Xunta non só non cumpre as expectativas, senón que supón un retroceso. A apertura deste centro implicará, inxustificadamente, o peche do Centro de Saúde Nicolás Peña, un centro ben dimensionado e con funcionamento adecuado. Ademais, a Xunta pretende abrir o CIS sen dotación de persoal propia, trasladando traballadores doutros centros e debilitando aínda máis a rede de Atención Primaria.
Desde o BNG subliñan a Atención Primaria en Vigo está ao borde do colapso debido á nefasta xestión do Partido Popular na Xunta de Galiza. Neste sentido, Igrexas alertou sobre a extrema precariedade dos centros de saúde da cidade. “Citas con semanas de espera, atrasos de até un mes para probas clínicas e unha sobrecarga insostíbel para o persoal sanitario son só algunhas das consecuencias desta mala xestión”, enumerou.
A falta de novos recursos e a ausencia de contratación de novos profesionais agravan a situación. “O CIS ‘Olimpia Valencia’ iniciará a súa actividade cun 20% menos do persoal previsto, con ningunha nova contratación, e ademais suporá a retirada dos servizos pediátricos en varios centros de saúde comprometendo a continuidade asistencial que recomenda a OMS”, denunciou Igrexas.
Rectificación
Recollendo o rexeitamento masivo que provoca este deseño, o BNG levará ao Pleno do vindeiro luns unha moción para esixir á Xunta de Galiza a rectificación inmediata do Plan Funcional do Sergas para o CIS “Olimpia Valencia”. A moción reclama o mantemento da actividade do Centro de Saúde Nicolás Peña, un aumento da dotación de persoal até o 100% da súa capacidade, a contratación de novos profesionais e a continuidade da atención pediátrica nos centros de saúde de Coia e Pintor Colmeiro.
O BNG tamén demanda ao Goberno galego que adopte todas as medidas necesarias para reforzar con persoal e medios o conxunto dos centros de saúde da cidade de Vigo. “Non podemos permitir que a cidade de Vigo sexa o permanente banco de probas das nefastas políticas sanitarias do Partido Popular”, declarou Igrexas. “As viguesas e vigueses merecen unha sanidade cento por cento pública, dotada con todos os medios necesarios, universal e de calidade”, remachou.

