A fronte nacionalista denuncia pingueiras no interior do centro e a falta de investimento que obriga a trasladar espazos esenciais para a atención do alumnado
Xabier P. Igrexas: “O Saladino Cortizo converteuse nun exemplo máis do deterioro que sofren os centros educativos públicos de Vigo pola irresponsabilidade compartida das dúas administracións”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo urxiu hoxe á Xunta de Galiza e ao Concello de Vigo a poñeren fin á situación de abandono que padece o Centro de Educación Especial Saladino Cortizo, onde a falla de mantemento e a ausencia de investimentos estruturais están a provocar, desde hai tempo, pingueiras no interior das instalacións.
Segundo denunciou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, estas deficiencias chegaron ao punto de obrigar a trasladar de maneira improvisada espazos tan relevantes como o destinado á fisioterapia, afectando directamente á atención educativa e terapéutica dun alumnado con necesidades específicas que require condicións adecuadas.
Igrexas advertiu de que esta problemática non é puntual, senón que se arrastra desde hai varios anos sen que nin a Xunta nin o Concello teñan dado resposta. “O Saladino Cortizo converteuse nun exemplo máis do deterioro que sofren os centros educativos públicos de Vigo pola irresponsabilidade compartida das dúas administracións”, sinalou, criticando que ambas “se limiten a cruzar reproches partidistas mentres ninguén asume a responsabilidade de actuar”.
Desde o BNG lembran que a Xunta de Galiza do Partido Popular mantén unha “política deliberada de maltrato” ao ensino público, negándose a realizar os investimentos necesarios para mellorar as instalacións e resolver problemas estruturais básicos, como os que afectan ás cubertas.
Mais tamén apuntan á responsabilidade do Goberno municipal de Abel Caballero por destinar partidas mantemento dos centros educativos resultan “claramente insuficientes”, agravadas pola conxelación dos “xa escasos” fondos municipais para a autoxestión dos propios centros.
“A combinación do desleixo da Xunta e do Concello acaba sempre no mesmo resultado: un desastre que paga a comunidade educativa, o profesorado e, sobre todo, o alumnado”, advertiu o portavoz municipal nacionalista. “É inaceptábel que haxa espazos educativos impracticábeis porque chove no seu interior”, remachou.
O BNG esixe que Xunta e Concello abandonen definitivamente o xogo do “e ti máis” e deixen de escorrer o vulto. “Ambas as dúas administracións teñen competencias e recursos, e deben coordinarse para atender con urxencia as necesidades dos centros educativos públicos”, concluíu Igrexas, reclamando unha actuación inmediata no Saladino Cortizo que garanta condicións dignas para o ensino e a atención especializada.



