A fronte nacionalista pregunta pola recuperación da cafetaría situada na praza Martín Códax, pechada dende 2009, e que foi anunciada polo Goberno municipal o ano pasado
Ana Martínez: “Non se entende que o Concello desatenda este emblema da cidade que usan a diario centos de persoas para pasear, facer deporte ou como punto de encontro”
O Bloque Nacionalista Galego urxe actuacións do Goberno municipal de Vigo ante o estado de abandono que presenta o monte do Castro. A fronte nacionalista denuncia falla de mantemento e pregunta pola recuperación da cafetaría situada na praza e miradoiro de Martín Códax, pechada dende 2009, e que foi anunciada polo Goberno municipal o ano pasado sen que se teñan rexistrado avances.
“Non se entende que o Concello desatenda deste xeito este emblema da cidade, que usan a diario centos de viguesas e vigueses para pasear, facer deporte ou como punto de encontro”, lamentou a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, sobre o estado deste espazo natural no centro da cidade.
Así, Martínez considerou “inexplicábel” que a contorna do miradoiro de Martín Códax se atope “absolutamente inutilizado” dende o peche da cafetaría hai 16 anos. Nese sentido, interpelou ao Goberno municipal para que explique cales son as súas previsións para a zona, logo de renunciar ao derrube da edificación e anunciar en abril de 2024 a súa intención de recuperalo.
“É inaceptable que o tempo pase e o Concello continúe sen prestar atención a este miradoiro absolutamente deteriorado que supón ademais un perigo para a cidadanía”, criticou a concelleira nacionalista, chamando a poñer en marcha os traballos necesarios para devolver este espazo á cidade e rematar co abandono do monte do Castro.

