HomePontevedraO BNG de Vigo urxe convocar as axudas de comedor escolar e...

O BNG de Vigo urxe convocar as axudas de comedor escolar e libros ante un novo atraso do Concello

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista denuncia que o prazo de matrícula escolar rematou un curso máis sen que o Goberno de Caballero teña iniciado o proceso para as bolsas municipais

Xabier P. Igrexas: “Non é de recibo que o Concello siga actuando con esta improvisación permanente, chegando tarde cada ano e obrigando ás familias a asumir gastos sen saber se despois serán compensados”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Concello de Vigo aínda non abriu a convocatoria para as axudas municipais de comedor, libros e material escolar, malia ter finalizado o prazo de matrícula o pasado 20 de marzo. A fronte nacionalista alerta de que este atraso pode supoñer que as familias viguesas inicien un novo curso sen coñecer se contan con estas bolsas, como ocorreu en anos anteriores.

Para o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, esta demora “evidencia a absoluta falta de planificación” do Goberno de Abel Caballero. Unha situación que, lamentou, volve xerar incerteza e dificultar a organización económica de moitos fogares, pese as reiteradas demandas do Bloque esixindo adiantar o proceso. “Canto máis se atrase a convocatoria, máis demorará a súa tramitación e resolución”, advertiu.

Igrexas lembrou que as bolsas de comedor, libros e material escolar son un “apoio básico” para miles de familias da cidade, en particular para aquelas con menos recursos, e destacou que son “esenciais” para garantir a igualdade de oportunidades e o acceso á educación en condicións dignas. “Aínda máis nun contexto no que o custo da vida segue a aumentar”, destacou.

Partida orzamentaria xa en vigor

Dende a fronte nacionalista insistiron na viabilidade de adiantar a convocatoria, facéndoa coincidir co calendario de matrícula, para asegurar coa maior antelación ás familias se van contar con estas axudas. “É incomprensíbel cando a partida orzamentaria que financia estas bolsas está en vigor desde o pasado 1 de xaneiro”, salientou Igrexas.

O portavoz municipal do BNG acusou o Goberno de Caballero de “castigar con esta improvisación permanente” ás familias viguesas, provocando que en anteriores cursos se teñan resolto as axudas co curso xa iniciado, obrigando así a que asuman gastos sen saber se despois van ser compensados ou provocando que nenos e nenas deixen de acudir ao comedor malia precisalo.Por estes motivos, o Bloque volveu esixir que se axilice e adiante a convocatoria das axudas municipais de comedor, libros e material escolar para garantir que chegan en tempo e forma. “Máis de 4.000 familias non poden volver ser castigadas coa incerteza dunha burocracia lenta pola falla de xestión dun goberno que non goberna”, demandou

Publicacións Relacionadas