A fronte nacionalista avisa de que os anuncios e medidas aplicadas nos últimos meses polo Goberno municipal “se teñen demostrado insuficientes ou directamente inútiles”
Xabier P. Igrexas: “Esta situación non é puntual nin excepcional, senón que se repite día tras día como consecuencia da falla de xestión do Goberno de Caballero”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) urxe reforzar de forma inmediata o Padrón de Vigo fronte ao “colapso e ringleiras eternas” que rexistra cada día. A fronte nacionalista demanda máis persoal na oficina do Concello dado que que os anuncios e medidas aplicadas nos últimos meses polo Goberno municipal “se teñen demostrado insuficientes ou directamente inútiles”.
Así o denunciou este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, diante dunha nova saturación na lonxa esta mesma mañá, con moitas ducias de persoas esperando durante horas para realizar trámites no Padrón. “Xestións que son imprescindíbeis para a tramitación dalgunhas axudas públicas, prestacións sociais ou mesmo para acceder a dereitos básicos”, advertiu.
Igrexas criticou que o Goberno de Abel Caballero faga que a cidadanía –entre elas persoas maiores, familias con crianzas e persoas en situación de vulnerabilidade– “perda mañás enteiras” para ser atendida. “Esta situación non é puntual nin excepcional, senón que se repite día tras día, converténdose nun síntoma claro dun servizo colapsado e dun Goberno municipal incapaz de dar resposta a unha demanda perfectamente previsíbel”.
Dende o Bloque alertaron tamén de que a falla de medios no servizo de Estatística está provocando tamén atrasos de até seis meses na xestión de solicitudes electrónicas relativas ao Padrón. A xuízo do portavoz municipal nacionalista, esta demora “condena á cidadanía a unha burocracia lenta, ineficaz e desesperante” malia que o Concello “presume constantemente” de modernización administrativa e dixitalización.
Máis de 250 prazas de persoal sen cubrir
Igrexas volveu reclamar por estes motivos que se dote de máis persoal o Padrón, lembrando que a administración local ten a día de hoxe máis de 250 prazas de persoal pendentes pola falla de execución das Ofertas Públicas de Emprego dos últimos anos. “Prazas que existen, que teñen orzamento asignado, pero que non se cubren nin inda que for de maneira temporal, malia seren absolutamente necesarias para garantir unha atención digna á veciñanza”, lamentou.
Para a fronte nacionalista este “colapso” do Padrón é un exemplo máis da “falla de xestión” do Goberno de Caballero. “Continúa a torturar as viguesas e a provocar unha sobrecarga insoportábel ao propio persoal municipal”, advertiu, demandando planificación, recursos humanos e vontade política para “poñer o Concello ao servizo da xente”.



