O BNG de Vigo volve reclamar a remunicipalización do autobús urbano

adminON
Lectura mínima de 5

A fronte nacionalista formula un voto particular, que se terá que debater e ditaminar no Pleno deste luns, avogando pola xestión directa a través da creación dunha Empresa Municipal de Transportes

Rexeita a pretensión de Caballero de manter a privatización a través dun “contrato de servizos”

Xabier P. Igrexas: “A remunicipalización garantirá o pleno control polo Concello, unha maior capacidade organizativa para adaptar o servizo ás necesidades da veciñanza e fará prevalecer o interese público”

O Bloque Nacionalista Galego volverá reclamar no Pleno do Concello de Vigo deste luns a remunicipalización do servizo de autobús urbano da cidade. Farao a través dun voto particular, que se someterá a debate e ditame do Pleno, no que a fronte nacionalista defende a xestión directa a través da creación dunha Empresa Municipal de Transportes, rexeitando a pretensión do Goberno de Abel Caballero de manter a privatización a través dun “contrato de servizos”, que substituiría a actual concesión.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defende  que “é o momento de remunicipalizar o bus de Vigo, para que sexa un verdadeiro servizo público para todas e todos e non apenas un grande negocio para uns poucos”. “Vigo merece un servizo de transporte urbano moderno, eficiente e plenamente público, que responda ás necesidades reais dunha cidade con 300 mil habitantes e 110 quilómetros cadrados”, remachou.

Igrexas insistiu en que a fin da concesión de Vitrasa, que vén de ser prorrogada in extremis por até dous anos máis polo Goberno local, é “unha grande oportunidade para dotar a maior cidade galega dun servizo de bus urbano á altura do século XXI”. Con ese obxectivo desde o BNG apostan en aproveitar a nova prórroga na actual concesión de Vitrasa para constituír unha Empresa Municipal de Transporte que permita xestionar de forma directa este servizo esencial, tal e o como xa se está a facer noutras cidades do conxunto do Estado e de Europa.

Unha medida “perfectamente factíbel a nivel legal, económico e operativo” para un grande concello como Vigo. A este respeito o voto particular nacionalista remarca que esta opción, a da xestión directa a través de empresa municipal, está prevista tanto na Lei de Bases de Réxime Local como na propia Lei de Contratos do Sector Público. “A remunicipalización garantirá o pleno control polo Concello, unha maior capacidade organizativa para adaptar o servizo ás necesidades da veciñanza e fará prevalecer o interese público nun servizo básico de obrigada prestación”, argumenta Igrexas.

Na iniciativa nacionalista, que se formula como alternativa a determinar o “contrato de servizos” como forma de xestión do servizos de bus urbano, mandátase ao Goberno municipal a preparar a remunicipalización antes da finalización da última prórroga.

Corrixir as deficiencias

Para o Bloque a remuncipalización permitiría atallar as “enormes deficiencias e insuficiencias” que arestora presenta un servizo “vital para a mobilidade”. Entre elas denuncian a supresión de 250 frecuencias diarias desde 2019, o mantemento dun mapa de liñas “obsoleto” que non conecta adecuadamente os barrios e parroquias nin dotacións esenciais como hospitais, aeroporto, estacións de tren, campus universitario ou polígonos industriais.

Un servizo, para as nacionalistas, marcado tamén pola precariedade laboral en Vitrasa, que motivou unha importante conflitividades nos últimos anos, e que se paga co prezo de billete (mesmo bonificado) máis caro de todas as cidades galegas.

Escurantismo

O BNG volveu criticar o “escurantismo” do Goberno local en relación ao futuro do servizo de autobús urbano da cidade. Neste sentido, Igrexas denunciou a ausencia de información sobre o ‘Estudo técnico sobre a demanda do transporte urbano colectivo’, contratado por case 320 mil euros en novembro de 2023, cuxo prazo de entrega finalizou hai medio ano e no que se prevía a realización de 4 mil entrevistas das que non se ten ningunha constancia. Ademais, cuestionou o incremento de case 90% no custo previsto do servizo, pasando de 24 a 45 millóns de euros, e criticou o “nulo diálogo” co tecido asociativo e veciñal, evidenciado pola falta de convocatoria do Consello Sectorial de Transportes do Concello nos últimos cinco anos.

Comparte este artigo