A fronte nacionalista denuncia que a licitación de 338.000 euros para o local da Praza da Princesa culmina unha “ofensiva autoritaria” contra o movemento veciñal organizado
Rexeita a xustificación “cínica” da necesidade de espazo para dependencias administrativas de Urbanismo e cualifica a decisión de “vinganza partidista”
Xabier P. Igrexas: “Non é só un desaloxo inxusto é un autoritario aviso a navegantes de Caballero para todo o tecido asociativo e os movementos sociais: moito ollo co que dicides e facedes”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo anunciou que votará en contra da licitación para reformar o espazo municipal da Praza da Princesa, que foi durante máis de tres décadas sede da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (FAVEC) na Praza da Princesa.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que a licitación da reforma, que se someterá a ditame do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo de mañá, pretende “dar o paso definitivo para consumar o último golpe antidemocrático contra a Federación Veciñal” convertendo en irreversíbel o desaloxo da entidade da que foi a súa sede durante máis de 30 anos baixo 6 alcaldías diferentes de distinto signo político.
“Esta licitación non responde a ningunha necesidade obxectiva de espazo, senón a unha clara ofensiva autoritaria coa que o Goberno de Abel Caballero pretende desde hai moitos anos amordazar o movemento veciñal”, afirmou Igrexas, que reclamou a devolución do inmóbel á FAVEC e a rectificación dunha decisión que considera “inxusta e arbitraria”.
O portavoz municipal nacionalista acusou o alcalde de manter unha estratexia continuada de confrontación coa principal entidade representativa do movemento veciñal vigués. “O que está a facer o señor Caballero non é xestión urbanística, é unha vinganza partidista”, asegurou. Nese sentido, lembrou que o Goberno municipal “rompeu a interlocución coa FAVEC por ter o atrevemento de expresar reivindicacións e discrepar”, eliminou as subvencións municipais que recibía a entidade “para tentar afogala economicamente” e acabou por resolver unilateralmente o convenio que permitía o uso da sede da Praza da Princesa.
Represión contra quen discrepa
Para Igrexas, o desaloxo da Federación Veciñal constitúe “o cume da estratexia de represión contra o tecido veciñal e social que se atreve a discrepar”. Segundo advertiu, a reforma do local busca consolidar unha actuación que transcende o ámbito administrativo e que ten unha clara dimensión política. “Non é só un desaloxo inxusto dun colectivo social dun espazo público. É un paso máis nun réxime de terror antidemocrático que utiliza a violencia institucional para reprimir calquera entidade ou asociación que ousa erguer a voz”, manifestou.
O portavoz municipal do BNG cualificou ademais de “cinismo intolerábel” que o Goberno local xustifique a expulsión da FAVEC pola necesidade de habilitar novas dependencias para a oficina municipal de rehabilitación e vivenda sen ofrecer unha alternativa digna para a federación. “Non se pode defender o dereito á vivenda practicando ao mesmo tempo o desafiuzamento institucional do tecido asociativo”, reprochou.
Sen participación non hai democracia
Desde o BNG advertiron de que o desaloxo da sede histórica da FAVEC constitúe “un perigoso aviso a navegantes” dirixido ao conxunto do movemento social e asociativo da cidade.
“É unha mensaxe moi clara: moito ollo co que dicides e facedes. Pretenden estender o medo a golpe de ameazas e coaccións entre as entidades que discrepan do Goberno municipal”, alerta Igrexas.
Fronte a esa situación, a fronte nacionalista reivindicou a necesidade de fortalecer a participación cidadá e garantir a autonomía do movemento veciñal. “Vigo non pode ser o cortello privado de ninguén. Unha cidade viva e verdadeiramente democrática necesita un movemento veciñal forte, autónomo e libre para criticar e esixir sen temer represalias”, defendeu.
O portavoz nacionalista concluíu reafirmando o compromiso do BNG coa defensa dos dereitos democráticos e da participación cidadá. “Democracia é respectar o dereito da cidadanía a organizarse, a expresarse libremente e a discrepar do goberno de turno. Fronte ao autoritarismo que persegue a discrepancia, seguiremos defendendo con firmeza o Vigo democrático, plural e reivindicativo que se constrúe coa forza da veciñanza organizada nos barrios e nas parroquias”, remachou.

