HomePontevedraO SalnésO BNG de Vilagarcía reafírmase na necesidade da xestión directa do Servizo...

O BNG de Vilagarcía reafírmase na necesidade da xestión directa do Servizo de Axuda no Fogar

- Anuncio -spot_img

Hai poucas semanas, o BNG transmitiu aos medios a necesidade de que o Concello de Vilagarcía, agora que está a piques de expirar o contrato do servizo de axuda no fogar ás persoas dependentes, considerase a xestión directa do mesmo. A atención á dependencia, que é labor da Xunta de Galiza, permanece na actualidade delegada, como competencia impropia, en mans dos concellos, cun custe para os mesmos elevado e que non fai outra cousa que medrar, como consecuencia do avellentamento da poboación, sen que a institución autonómica, en paridade, incremente os fondos necesarios. Desde o BNG entendemos que cómpre que os concellos esixan con firmeza, e se cabe, a través da FEGAMP, que o Goberno galego asigne nos seus orzamentos os recursos económicos necesarios para o desenvolvemento deste servizo, máxime ás portas dunhas posibles eleccións autonómicas.

Con todo, o BNG faise eco do evidente malestar existente entre as persoas usuarias da axuda domiciliaria en Vilagarcía, que se queixan da deficiente xestión dunha empresa que, pensando tan só nos beneficios, non é quen de coordinar con eficacia o capital humano – persoal feminizado en condicións de gran precariedade salarial e laboral- e dar dese xeito unha atención de calidade ás persoas beneficiarias do servizo. No contexto de crise aínda existente, calquera outra empresa que substitúa a actual vai repetir os mesmos vicios: empeorar as condicións da súa man de obra, para reducir custes de produción, e da calidade da atención aos usuarios. O BNG considera que, lonxe de redactar uns pregos para licitar un novo contrato externo, un goberno municipal de progreso debería asumir a xestión directa deste servizo, como xa empezan a facer algúns concellos. A rendibilidade económica dun servizo público non pode servir de escusa para sacarse de enriba un asunto incómodo; debe entender que a atención ás persoas máis vulnerables, malia o incremento dos custes, ten que primar, como necesidade social que é, sobre outras áreas de xestión, priorizando e recortando no accesorio, para centrarse no fundamental, aquilo que non loce nas fotos, pero mellora a calidade de vida das persoas.

Publicacións Relacionadas