HomePontevedraO BNG defende “declarar a guerra á especulación” dos pisos turísticos en...

O BNG defende “declarar a guerra á especulación” dos pisos turísticos en Vigo con 11 emendas á ordenanza

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista critica a “regulación moi laxa e a falla de controis efectivos” no proxecto do Goberno de Abel Caballero: “Non protexe o dereito á vivenda fronte á presión turística”

Propón endurecer as condicións urbanísticas e requisitos para frear a proliferación das VUT

Xabier P. Igrexas: “Con estas emendas queremos que Vigo se coloque á cabeza das cidades galegas e do conxunto do Estado na restrición das vivendas de uso turístico”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar 11 emendas ao proxecto de ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico (VUT) en Vigo. A fronte nacionalista defende endurecer as condicións para “declarar a guerra á especulación” en lugar do texto aprobado polo Goberno de Abel Caballero, que tacha de “simulación” por non protexer o dereito á vivenda.

O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, lembrou que o BNG leva anos esixindo que o Concello de Vigo poña freo á proliferación das VUT – medraron en máis de 2.000 nos últimos tres anos- polo seu “impacto directo e grave” sobre os prezos da vivenda e na redución dos inmóbeis dispoñíbeis. “Hai xa 5 pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro residencial na nosa cidade”, alertou.

Igrexas criticou o proxecto de ordenanza municipal presentado polo Goberno local por contar cunha regulación “moi laxa”, por detrás das medidas aplicadas en cidades como na Coruña e Santiago, e por carecer de controis efectivos para limitar o aumento de pisos turísticos. “É un texto frouxo, cheo de vanas declaracións de intencións, pero sen ferramentas reais para intervir nin medidas concretas mentres o problema segue medrando”, valorou.

Dende o Bloque veñen de rexistrar, por este motivo, unha batería de 11 emendas cunha “idea central”: que a ordenanza protexa o dereito social á vivenda e evite a saturación turística. Unha cuestión que piden incorporar no obxecto da norma, “para que non haxa dúbidas”, nun contexto que cualifican de “emerxencia habitacional” con miles de familias traballadoras e mocidade que non se poden permitir alugueiros por riba dos 700 euros mensuais, o prezo medio na cidade.

“Vigo necesita unha ordenanza valente, útil e xuridicamente sólida, que nos coloque á cabeza das cidades galegas e do conxunto do Estado na restrición das vivendas de uso turístico”, destacou Igrexas. “Se o rendismo especulativo declarou a guerra ao dereito social é vivenda, o BNG defendemos que o Concello declare a guerra aos pisos turísticos despregando con toda a contundencia todos os medios legais para frealos”, enfatizou.

Moratoria e suspensión de novas VUT

Entre as emendas, a fronte nacionalista demanda aplicar no inmediato unha moratoria de entre 18 e 24 meses na que non se tramite ningunha nova autorización para VUT até que o Concello elabore un estudo para analizar a saturación destes inmóbeis na cidade. Unha medida que piden que vaia acompañada, cunha disposición adicional, da suspensión automática de novos pisos turísticos naquelas zonas onde o prezo medio do alugueiro residencial teña incrementado por riba do IPC durante o último ano.

Sen dereito perpetuo

O BNG chama tamén a estabelecer condicións na ordenanza sobre as VUT existentes para que a autorización en vigor non se converta nun “dereito perpetuo”. Con ese fin, propoñen que o título habilitante teña unha duración máxima de 5 anos, sen prórroga automática. Aliás, demanda que todos os pisos turísticos que contan xa coa autorización municipal soliciten, nun máximo de 3 meses, a declaración de conformidade urbanística en base ás condicións fixadas na ordenanza, como as medidas de protección contra incendios para o uso terciario-hoteleiro así como os requisitos de habitabilidade e accesibilidade.

Evitar a saturación e xentrificación

Para a fronte nacionalista é necesario endurecer tamén as condicións urbanísticas para a implantación de novas VUT. Entre elas, que só poidan instalarse en baixos ou en primeiros andares de bloques residenciais, sempre e cando conten con acceso absolutamente independente; fixar unha distancia mínima de 250 metros entre portais daqueles bloques que teñen pisos turísticos para “evitar a saturación e a xentrificación”; e impedir que se autoricen en inmóbeis con menos de 50 metros cadrados ou con menos de dos dormitorios, os chamados micropisos turísticos, que impiden o acceso a vivendas de menor tamaño fundamentais para persoas mozas, soas ou de baixos recursos.

Máximo do 1% en cada rúa e barrio
Dende o Bloque reclaman ademais fixar un máximo de VUT na cidade, para que “en ningún caso” superen o 1% do total de inmóbeis existentes en cada rúa, barrio, distrito ou sección censal. Unha medida que, ao seu xuízo, evitará a saturación en zonas da cidade e que debe supoñer a suspensión automática de novas autorizacións de producirse. Na mesma liña, demandan que se certifique que no caso de bloques residencias non existe unha prohibición por parte da comunidade de propietarios.

Control e inspeccións

Sen inspección, sen rexistros públicos e sen transparencia, calquera ordenanza é papel mollado”, afirma o portavoz municipal do BNG, esixindo que o Concello realice inspeccións periódicas destes pisos turísticos e dea conta con informes no Pleno para “saber cantas VUT hai, onde están e se cumpren a legalidade”.

Publicacións Relacionadas