HomeVigoPazos de BorbénO BNG defende en Pazos de Borbén un novo modelo de residencias...

O BNG defende en Pazos de Borbén un novo modelo de residencias que impida irregularidades como as do centro ‘Mi Casa’

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista presenta nun acto público a súa proposta para unha nova Lei galega de Residencias que garanta o dereito a unha vellez digna e que foi vetada polo PP.

Olalla Rodil: “A Xunta non quere que nada mude mentres mira cara outro lado ante as graves denuncias polas pésimas condicións das persoas usuarias na residencia Mi Casa”.

Xurxo Pardo: “Levamos anos demandando partidas nos orzamentos da Xunta para un centro de día e unha residencia pública en Pazos, pero o PP sempre dixo que non”.

O Bloque Nacionalista Galego defende un modelo alternativo de residencias que impida irregularidades como as que se están a vivir no centro de maiores ‘Mi Casa’. A fronte nacionalista vén de presentar este venres en Pazos de Borbén a súa proposta para unha nova Lei galega de Residencias que busca garantir o dereito a unha vellez digna e melloras do actual sistema, unha iniciativa que foi vetada polo PP.

“A Xunta non quere que nada mude mentres mira cara outro lado ante as grave denuncias polas pésimas condicións hixiénico-sanitarias das usuarias da residencia ‘Mi Casa’, entre outras causas, pola falta de persoal de enfermería”, recriminou durante o acto a deputada nacionalista no Parlamento galego, Olalla Rodil, que interviu canda o delegado da Executiva Comarcal de CIG-Servizos, Pedro Pérez, e o responsábel local en Pazos, Xurxo Pardo.

Rodil afeou a “inacción” do Goberno galego do PP ante as continuadas denuncias da Asociación de Traballadoras de Residencias Galegas (Trega) e ante a reincidencia da propiedade do centro na vulneración de dereitos do seu persoal e das persoas usuarias, advertidas polo Bloque desde 2017.

Necesidade dun cambio de modelo

A deputada do BNG apuntou este caso na residencia de Pazos como unha evidencia máis da necesidade de mudar o actual modelo de coidados e atención das persoas maiores. Neste sentido, lamentou o rexeitamento do PP a debater a proposición de Lei elaborada polas nacionalistas para dotar a Galiza dun sistema público non supeditado ao beneficio das empresas privadas.

“Urxe cambiar o modelo de residencias porque coas persoas maiores non se pode facer nin negocio nin caridade, o que precisamos é unha rede de servizos públicos forte e da máxima calidade que poña no centro a vida e garanta o dereito a unha vellez digna”, subliñou Rodil, que reclamou tamén reforzos nos servizos de inspección que permitan detectar estas irregularidades así como endurecer as sancións.

Negativa do PP a mellorar os servizos en Pazos

Na mesma liña, o responsábel local do BNG en Pazos, Xurxo Pardo, puxo en valor a aposta firme das nacionalistas pola mellora dos servizos públicos no concello, en particular no relativo aos coidados das persoas maiores e na atención sanitaria. “Levamos anos demandando partidas nos orzamentos da Xunta para a creación dun centro de día e dunha residencia pública no noso concello, pero a resposta do PP sempre foi que non”, remachou.

Dignificar as condicións laborais

Pola súa banda, o delegado da Executiva Comarcal de CIG-Servizos, Pedro Pérez, avogou por dignificar as condicións laborais das traballadoras e traballadores do sector das residencias. “A solución ten que pasar pola creación dun sistema público galego de atención ás persoas, que poña os coidados no centro das políticas públicas, abandonando a xestión privada de beneficios a costa das persoas maiores”, valorou.

Publicacións Relacionadas