Traslada unha moción que esixe da Xunta que reverta os recortes no servizo e garanta protocolos de protección, e do Goberno municipal que atenda as demandas do persoal
Alerta de que o Goberno galego esgota a bolsa de horas autorizadas para o SAF de Vigo e deixa ás persoas sen resposta, con 2.200 en lista de agarda
Xabier P. Igrexas: “A situación actual é insostíbel e profundamente inxusta, tanto para as persoas dependentes e as súas familias como para as traballadoras”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá no Pleno de Vigo a mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o reforzo do sistema público de dependencia. A fronte nacionalista traslada unha moción para o seu debate na sesión plenaria deste vindeiro luns na que esixe da Xunta de Galiza reverta os recortes no servizo e garanta protocolos de protección, e do Goberno municipal que atenda as demandas do persoal do SAF e unha supervisión rigorosa da nova licitación en curso.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, alertou da situación “especialmente preocupante” que se vive na cidade, con preto de 8.000 persoas con dependencia recoñecida, máis de 14.000 maiores que viven soas e unhas 2.200 en lista de agarda para o SAF. Mentres, criticou, a Xunta esgota a bolsa de horas autorizadas para o SAF de Vigo deixando ás persoas sen resposta, de vez que retira 17 millóns de euros do orzamento para este servizo no conxunto de Galiza nos últimos dous meses.
“A situación actual é insostíbel e profundamente inxusta, tanto para as persoas dependentes e as súas familias como para as traballadoras que sosteñen estes servizos”, lamentou Igrexas. Fronte a isto, o Bloque reclama un “compromiso firme” na defensa do sistema público de coidados lembrando que “non se trata só de números ou contas”, senón do dereito das persoas maiores e dependentes a vivir con dignidade e do persoal a traballar con seguridade e condicións xustas.
A moción nacionalista recolle, entre outros acordos, a demanda de que a Xunta reverta os recortes, incremente o financiamento até un mínimo de 20 euros por hora, amplíe a carteira de servizos e garanta protocolos de protección efectivos fronte á violencia. A respecto do Goberno de Abel Caballero, o BNG reclama que atenda as demandas do Comité de Empresa do SAF, supervise de maneira rigorosa a nova licitación en curso e estude a posibilidade de remunicipalizar o SAF para a xestión pública directa.
Galiza, á cola do Estado
Dende o Bloque denunciaron que Galiza é o territorio que menos inviste por persoa dependente en todo o Estado con apenas 1.300 euros ao ano, lonxe dos 2.000 da media estatal e dos case 3.000 que destina Euskadi. “Isto tradúcese en recortes, en axudas miserentas que non atenden nin unha mínima parte dos custos e nunha cada vez maior privatización dos coidados”, cuestionou o portavoz municipal, lembrando que máis de 2.000 persoas agardan hoxe por unha valoración cunha media de 361 días de espera.
No relativo ao SAF, afeou Igrexas, toda Galiza perdeu máis de mil persoas usuarias durante o primeiro semestre de ano e os centros de día case 3.000. Diante disto, a resposta do PP é “insistir nun modelo asistencialista absolutamente insuficiente” con axudas que non chegan sequera a 400 euros mensuais mentres unha praza nunha residencia supera os 2.000 euros, criticou.
O voceiro do BNG de Vigo considerou que a Xunta do PP “pretende devolver os coidados ao ámbito doméstico e, sobre todo, ás mulleres” cando, na actualidade, o 82% das coidadoras no fogar son mulleres que moitas veces teñen que deixar o seu traballo.
Condicións dignas e seguras para as traballadoras
A proposta da fronte nacionalista ao Pleno esixe tamén atender as condicións laborais das traballadoras do SAF que cualifican de “extremendamente precarias, con salarios baixos, sobrecarga de traballo, contratos fraudulentos e ausencia de medidas de prevención de riscos”. Para o Bloque, o tráxico asasinato dunha traballadora no Porriño demostrou que sen medidas de protección reais e inmediatas está en risco a propia vida das traballadoras. Por este motivo, defenden como imprescindíbel actualizar e mellorar os protocolos e incluír a suspensión cautelar temporal do servizo diante de calquera denuncia por ameaza ou agresión.