HomePontevedraO BNG defenderá no Pleno de Vigo medidas concretas do Concello e...

O BNG defenderá no Pleno de Vigo medidas concretas do Concello e da Xunta pola igualdade

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista traslada unha moción con motivo do 8M na que reclama un Instituto Galego das Mulleres, accións para eliminar as discriminacións laborais, formación en dereitos nos servizos de atención e dous novos Centros de Información á Muller en Vigo

Ana Martínez: “O feminismo é máis necesario que nunca para facer fronte aos discursos retrógrados que nos din que a igualdade entre mulleres e homes xa existe”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá no Pleno de Vigo medidas concretas por parte do Concello e da Xunta de Galiza para avanzar na igualdade e nos dereitos laborais das mulleres. Con motivo do vindeiro 8M, Día Internacional da Muller, a fronte nacionalista traslada unha moción cunha batería de demandas para ambas administracións que, consideran, “teñen que facer moito máis para dar pasos firmes no camiño da loita feminista”.

A concelleira do BNG, Ana Martínez, alertou de que os datos sociolaborais evidencian que “a igualdade está lonxe de acadarse”. Así o demostran as cifras de actividade, de ocupación e de desemprego, que continúan a ser desfavorábeis para as mulleres galegas e viguesas. Os salarios seguen sendo un 17,7% inferiores aos dos homes, segundo datos de 2024 en Galiza, con maiores taxas de temporalidade e de precariedade laboral.

Fronte a esta situación, Martínez manifestou que “o feminismo é máis necesario que nunca para facer fronte aos discursos retrógrados que negan a realidade, que nos din que a igualdade entre mulleres e homes xa existe”. Unha desigualdade na vida laboral que, advertiu, se traslada ás pensións e consolida a feminización da pobreza.

“Para o BNG non caben discursos compracentes nin declaracións de intencións baleiras”, defendeu a concelleira nacionalista, que chamou a despregar “políticas valentes dirixidas a combater esas desigualdades”. Por este motivo, o Bloque propón unha batería de medidas para que tanto o Concello como a Xunta se comprometan nesta materia.

Medidas do BNG

A moción do BNG demanda á Xunta que poña en marcha un Instituto Galego das Mulleres, un organismo público para a promoción de políticas de igualdade, para combater a desinformación, para velar polo cumprimento da lexislación vixente, para fomentar a elaboración de normas máis avanzadas, e parar asesorar tanto ás administracións como a todo tipo de organizacións e entidades.

A respecto do Concello de Vigo, a fronte nacionalista pide que se desenvolvan e amplíen as funcións do Observatorio Municipal de Xénero. “Hoxe está en desuso cando debería ser esencial para visibilizar a situación real das mulleres na nosa cidade e combater así os bulos que afirman que a igualdade está conseguida”, subliñou Martínez.

A concelleira do Bloque demandou tamén maior colaboración entre os Gobernos galego e municipal para despregar accións conxuntas coas organizacións sindicais e empresarias de Vigo destinadas a erradicar as discriminacións no ámbito laboral. E nese sentido, pediu máis e mellor formación e información para as mulleres que traballan nos servizos de atención social para garantir a protección das mulleres que o precisan.

De ambas administración reclaman ademais que poñan en marcha dous novos Centros de Información á Muller co obxectivo de descentralizar o funcionamento do actual e de incrementar a súa actividade, cun reforzo do persoal para que as mulleres teñan garantida a atención a xornada completa durante todos os meses do ano.

Martínez quixo ademais facer un chamamento para que a cidade se mobilice de forma masiva este vindeiro 8M. “Dende o BNG amosamos o noso firme apoio e compromiso co movemento feminista vigués, que se vai volve manifestar nas rúas con demandas firmes”, remachou.Falta de consenso no V Plan de Igualdade do Concello

Na sesión plenaria, o BNG demandará tamén a través dun voto particular a devolución do V Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, presentado pola Concellería de Igualdade, para que sexa debatido previamente no Consello Municipal da Muller antes da súa elevación ao Pleno. A concelleira nacionalista advertiu de que se trata dun Plan que “chega con 14 anos de atraso”, xa que o anterior venceu en 2012, e que “non foi presentado, nin consensuado, nin ditaminado polo Consello Municipal da Muller, como si acontecera co plan anterior”. Nese sentido, defendeu que a igualdade require de planificación rigorosa, avaliación transparente e implicación real do tecido social “e non pode quedar reducida a un trámite formal sen diálogo nin consenso”.

Publicacións Relacionadas