HomePontevedraO BNG defenderá no Pleno de Vigo non "hipotecar" 10 anos máis...

O BNG defenderá no Pleno de Vigo non “hipotecar” 10 anos máis a cidade cunha concesión privatizada de bus

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista traslada unha moción para desistir da licitación anunciada, cun alza do 90% sobre a concesión actual, e crear unha empresa pública municipal de transportes

Pide convocar o Consello de Transportes para definir con participación o novo servizo

Xabier P. Igrexas: “A remunicipalización do bus é a mellor opción para garantir un servizo de calidade; non podemos permitirnos 10 anos máis cun bus insuficiente e deficiente”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá no Pleno de Vigo a xestión pública directa do autobús urbano para impedir outra “nefasta concesión” como a de Vitrasa, a pouco máis dun mes para a finalización do contrato. A fronte nacionalista vén de trasladar unha moción, para a sesión plenaria deste luns, na que demanda desistir da licitación anunciada polo Concello e iniciar no seu lugar a constitución dunha empresa pública que poña fin á “precariedade” deste servizo esencial.

Así o expuxo este venres o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen defendeu a remunicipalización do bus como unha “oportunidade histórica para evitar que se hipoteque a cidade por 10 anos máis” cun transporte urbano “insuficiente e deficiente”. Unha medida que, para a organización nacionalista, está xustificada após o continuo empeoramento do servizo baixo xestión privada. “Xa se demostrou un pésimo negocio para o interese público, no que a única beneficiaria foi a empresa concesionaria”, afeou.

Igrexas puxo como exemplo as numerosas deficiencias no actual servizo de bus urbano, como o recorte de 250 frecuencias diarias dende a pandemia ou a supresión de liñas como a C2, N2 e N3. O voceiro nacionalista criticou tamén o mapa de liñas por “obsoleto” e por non conectar adecuadamente os barrios e parroquias da cidade nin con servizos esenciais como hospitais, o campus universitario ou polígonos industriais.

Para o BNG, estas decisións da empresa concesionaria (coa complicidade do Goberno de Abel Caballero) demostran que a xestión privatizada prioriza a rendibilidade económica sobre as necesidades da veciñanza. Así o evidencia, a xuízo das nacionalista, a mala planificación horaria, con longas esperas nas paradas e acabalgamento de buses, cun modelo de frecuencias variables en lugar de fixas, e cun insuficiente servizo nocturno. Todo malia ser o billete máis caro, incluso coas bonificacións municipais, de todas as cidades galegas e un dos máis elevados do Estado.

Desistir da licitación

A moción do Bloque recolle nese sentido dúas propostas de acordo para o debate e aprobación plenaria. Por un lado, reclama que se desista do procedemento de licitación pública anunciado nos últimos días para unha nova concesión do bus urbano. No seu lugar, pide iniciar os trámites para constituír unha empresa pública municipal de transportes que asuma a xestión directa do servizo.

Dende a fronte nacionalista chaman tamén a convocar de forma urxente o Consello Sectorial de Transportes do Concello de Vigo, que leva sen reunirse desde o ano 2019, para poder “debater e definir de maneira participativa” as condicións nas que debe funcionar o autobús urbano nos vindeiros anos. Neste organismo demandan que se informe das conclusións do ‘Estudo técnico sobre a demanda do transporte urbano colectivo’ contratado polo Goberno local como base do futuro contrato pero do que nada se sabe a pouco máis dun mes de finalizar a actual concesión.

“No Pleno do próximo luns tanto o PSOE como o PP van ter que escoller: optando entre prolongar 10 anos máis a agonía dun autobús urbano que non atende as necesidades da veciñanza ou dotar Vigo dunha empresa municipal de transportes que ofreza un mellor servizo público”, avanzou o portavoz municipal sobre a moción.

Igrexas situou a mobilidade como un factor central e estratéxico do modelo de cidade. “As viguesas e vigueses queren e merecen unha cidade máis habitábel, máis sustentábel e máis verde”, defendeu, asegurando que nese camiño é “fundamental” garantir un servizo de bus urbano que sexa alternativa real ao uso do coche privado e que estea á altura dunha urbe de 300 mil habitantes e 110 quilómetros cadrados como Vigo.

Publicacións Relacionadas