HomePontevedraO BNG defenderá no Pleno medidas urxentes ante o agravamento do problema...

O BNG defenderá no Pleno medidas urxentes ante o agravamento do problema da vivenda en Vigo

- Anuncio -spot_img

Promove unha moción para demandar actuacións diante da “inacción” dos Gobernos galego, español e municipal fronte á emerxencia habitacional e á suba dos alugueiros

Urxe Abel Caballero a executar as medidas aprobadas hai 19 meses a proposta do BNG

Xabier P. Igrexas: “As miles de viguesas e vigueses que non se poden permitir vivir na nosa cidade o que precisan dunha vez son feitos e non máis discursos”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vai defender no vindeiro Pleno municipal a urxencia de aplicar medidas fronte ao grave problema da vivenda en Vigo. A fronte nacionalista promove unha moción na que demanda actuacións ante a emerxencia habitacional e a suba dos alugueiros na cidade diante da “inacción” dos Gobernos galego, español e municipal.

“Diante desta gravísima situación, que está xerando enorme frustración en amplas capas da nosa sociedade por ver como as administracións din querer facer, pero non fan, o BNG reclamamos feitos e non máis discursos para as miles de viguesas e vigueses que non se poden permitir vivir na nosa cidade”, esixiu o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas.

Alertou de que o contexto continúa a agravarse con prezos para o arrendamento que superan xa de media os 700 euros mensuais, cun incremento do 35% en cinco anos e do 50% durante a última década. Advertiu ademais que cada vez hai menos vivendas para alugueiro malia existir na cidade 22.000 inmóbeis baleiros, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Unha situación que considerou como consecuencia directa do avance da “ofensiva ultraespeculativa” dos pisos turísticos, que pasaron de 400 a 2.400 en tres anos, o que representa o 40% do total das sete cidades galegas. “Hoxe por cada vivenda dispoñíbel para uso residencial en Vigo hai cinco destinadas ao turismo”, subliñou.

Igrexas asegurou que este contexto dramático se fai notar con maior dureza entre a poboación máis vulnerábel. Na cidade se rexistra un desafiuzamento cada tres días, lembrou. “Sábeno ben as 25 viguesas e viguesas que están hoxe pendentes de desaloxo ou as 21 persoas empobrecidas ameazadas de perder a súa residencia a final de ano polo peche da pensión da Nosa Señora do Carme”, exemplificou.

Medidas de Xunta, Goberno español e Concello

A moción do BNG reclama medidas de todas as administracións para facer fronte ao principal problema social na cidade. Entre elas, a necesidade de garantir alternativas habitacionais para as viguesas e vigueses en situación de exclusión ou risco de desafiuzamento. “Ningún despexo máis en Vigo sen alternativa”, esixiu o portavoz municipal do Bloque.

A respecto do Goberno galego de Alfonso Rueda, a fronte nacionalista insistiu en que debe exercer “dunha vez” as súas competencias en materia de vivenda para frear os prezos dos alugueiros. Criticou a falla de política da Xunta do PP dende o ano 2009 por ter posto en marcha apenas 62 vivendas na cidade. E sobre os anuncios do plan parcial de Navia, “que cada semana anuncia tres veces”, advertiu de que os 1.600 inmóbeis proxectados apenas van dar resposta a un 25% das 7.100 persoas demandantes de vivenda protexida e social rexistradas en Vigo.

Dende o Bloque estenderon esta reclamación ao Goberno español, chamando a que coopere coa administración galega para poñer freo á escalada nos prezos da vivenda. Igrexas lamentou o papel do Executivo de Pedro Sánchez ao permitir que a Sareb, o coñecido como ‘banco malo’, siga actuando como un “fondo voitre especulando” cos inmóbeis rescatados con recursos públicos en lugar de destinalos a uso social para constituír un parque público de vivenda.

O portavoz municipal do BNG acusou tamén ao Goberno municipal dunha “clara e rotunda política de brazos caídos” en materia de vivenda. “Abel Caballero prometeu en 2007 que ía poñer en marcha 6.000 vivendas e non fixo ningunha en 18 anos”, cuestionou. Esixiu por este motivo que “pase das palabras aos feitos” para evitar que miles de veciñas e veciños continúen sen poder acceder a unha vivenda na cidade.

Da negativa á simulación de Caballero

Igrexas advertiu de que o único cambio do alcalde de Vigo nestes anos foi pasar de “negarse a facer nada”, afirmando que a vivenda non era da súa competencia, a “simular que fai algo” pero sen aplicar ningunha medida concreta. Evidenciou esta falla de vontade no feito de que o Goberno de Caballero non teña executado ningunha das medidas aprobadas polo Pleno hai 19 meses a través dunha moción do BNG para facilitar o acceso á vivenda o e frear a suba dos alugueiros.

Sinalou entre elas que non teña avanzado na solicitude de zona tensionada do mercado da vivenda, como outras cidades galegas como A Coruña ou Santiago de Compostela, malia que o informe externo encargado polo Concello acreditou que Vigo reúne as condicións para acollerse a esta medida de intervención dos prezos, como anticipara a propia fronte nacionalista.

Dende o Bloque lamentaron que o Goberno local tampouco teña actuado para “poñer couto” á proliferación de pisos turísticos na cidade, como a moratoria recollida nos acordos da moción, e que a prometida ordenanza reguladora estea nunha fase tan previa que non exista nin tan sequera un borrador da mesma.

Outras das medidas incumpridas por Caballero son a posta en marcha dun Plan Facilitador do Alugueiro, a cesión das vivendas da Sareb e da banca privada rescatada “para as que non moveu un dedo”, nin do plan local para mobilizar as 22.000 vivendas desocupadas. “Na cidade temos cada vez máis xente que non se pode permitir unha casa, mentres temos miles de casas sen xente”, afirmou Igrexas.

En relación ás declaracións do rexedor sobre o novo PXOM, o voceiro do Bloque alertou de que a falla de planificación en detalle dos diferentes ámbitos onde se proxecta vivenda protexida vai deixar a promesa de 14.500 novas vivendas con algúns nivel de protección en “papel mollado, puro e duro fume”.

Cuestionou tamén os anuncios sobre unha Empresa Municipal de Vivenda da que “non existe nada” e non está constituída formalmente. “Non hai memoria, nin plan de viabilidade nin estatutos”, denunciou Igrexas, quen cualificou de “ridícula e insuficiente” a partida de 4,5 millóns de euros para a súa posta en marcha. “Eses son os recursos que polo momento destinou Caballero dun presuposto municipal de máis de 400 millóns”.

Tampouco teñen constancia na fronte nacionalista do prometido Observatorio da Vivenda a través dun convenio coa Universidade de Vigo do que, advirten, non existe ningún a día de hoxe ningún expediente en toda a administración municipal.

Publicacións Relacionadas