Propón unha declaración institucional de condena ao xenocidio contra o pobo palestino
Pide o apoio da Corporación á manifestación nacional convocada o 5 de outubro en Santiago de Compostela baixo o lema ‘2 anos de xenocidio e 77 anos de ocupación’
Xabier P. Igrexas: “Non é só unha declaración: é un compromiso ético, un berro de xustiza que reflicte o pulso da cidadanía viguesa horrorizada ante o maior masacre do século XXI”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda o compromiso do Pleno de Vigo para que a cidade rexeite acoller calquera evento que conte coa presenza de Israel ou relacionado con entidades que non condenan o xenocidio na Palestina. A través dunha proposta de declaración institucional, a fronte nacionalista busca o apoio da Corporación para expresar a solidariedade viguesa contra o masacre.
“Esta iniciativa é un paso máis na loita inquebrantábel contra o xenocidio que o Estado sionista de Israel segue a perpetrar contra o pobo palestino”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Non é só unha declaración: é un compromiso ético, un berro de xustiza que reflicte o pulso da cidadanía viguesa que asiste horrorizada ao maior masacre do século XXI”, salientou.
Igrexas considerou necesario seguir dando pasos e sumando esforzos na denuncia destes crimes de lesa humanidade e no illamento de Israel. A proposta nacionalista demanda así o apoio do Pleno municipal para que Vigo non acolla ningún evento deportivo, cultural ou doutra índole que teña relación ou conte co patrocinio de entidades israelís, nin que xustifiquen o xenocidio, instando a que o Goberno local adopte as medidas necesarias para impedilo. Unha demanda que traslada tamén á Deputación de Pontevedra, á Xunta de Galiza e ao Goberno español, xunto coa petición para que o Comité Olímpico Internacional exclúa Israel das competicións deportivas.
Apoio das mobilizacións
O portavoz municipal do Bloque afirmou que a proposta de declaración “quere recoñecer a vigorosa solidariedade expresada de maneira continuada polas viguesas e vigueses en favor do pobo palestino”. O documento recolle nese sentido o compromiso do Concello de apoiar na cidade todas as accións e convocatorias polo dereito da Palestina a constituír un estado libre e soberano. Entre elas, destacou a manifestación nacional convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina o vindeiro 5 de outubro en Santiago de Compostela baixo o lema ‘2 anos de xenocidio e 77 anos de ocupación’.
Dende o BNG apelaron a que a declaración institucional conte co apoio do PSOE na Xunta de Portavoces deste mércores para que prospere no vindeiro Pleno municipal. E chamaron ao PP de Vigo a que “rompa co guión da infamia dos seus xefes en Madrid” para que a Corporación exprese a “mesma unanimidade digna” que latexa entre as viguesas e vigueses.
Moción do BNG en maio
A iniciativa súmase á moción do Bloque aprobada o pasado maio polo Pleno de Vigo na que se condenaban as accións xenocidas de Israel e coa que se declarou persona non grata a Benjamin Netanyahu e o seu “gabinete criminal”. Unha moción que esixía ademais o cumprimento das resolucións da ONU e o Dereito Internacional Humanitario con medidas concretas destinadas aos Gobernos español, galego e municipal.
“Como dixen no Pleno de maio, como pai de dúas crianzas de 6 e 11 anos, quero poder mirar aos ollos do meu fillo e da miña filla e poder dicirlles que o seu Concello, que a súa cidade, fixo todo o posíbel para paralo. Que non ollamos para outro lado, nin ficamos de brazos caídos”, apelou Igrexas.
O horror multiplicouse
Dende esa data, lamentou o voceiro nacionalista, o “horror multiplicouse” para o pobo palestino, con 67.000 vítimas mortais, un terzo delas nenas e nenos. Cifras que, subliñou, poden chegar a 680.000 mortes, segundo as estimacións da relatora da ONU, Francesca Albanese. “Gaza é hoxe un ermo arrasado: destrución total, fame como arma de guerra, bloqueo á axuda humanitaria, asasinato de cooperantes e xornalistas”, relatou, cualificando estes feitos de “crimes de lesa humanidade que ninguén pode xustificar e fronte aos que non podemos ficar impasíbeis”.
Feitos acreditados por organismos internacionais como o Tribunal Penal Internacional, que emitiu ordes de detención contra altos cargos israelís por crimes de guerra; a Corte Internacional de Xustiza, que tramita a acusación de xenocidio; e pola Comisión Independente da ONU, liderada por Navi Pillay, quen confirmou o pasado 16 de setembro, que Israel está a perpetrar un xenocidio.