A fronte nacionalista critica o “espectáculo lamentábel” que están a ofrecer PP e PSOE xogando de maneira irresponsábel con cuestións de enorme importancia para a xente
O BNG formulará unha emenda transaccional á moción de urxencia do PSOE para que o Pleno demande do Goberno español a aprobación dun novo Real Decreto-Lei tras o rexeitamento no Congreso do decreto “ómnibus”
Xabier P. Igrexas: “A política debe servir á xente, debe estar orientada a atender mellor as necesidades do pobo, non para satisfacer estratexias electoralistas, nin de desgaste dun Goberno nin de erosión da oposición”
O Bloque Nacionalista Galego demandará no Pleno do Concello de Vigo, convocado para este luns, que o goberno español aprobe un novo decreto para garantir o mantemento das bonificacións ao transporte, a suba das pensións, así como outras medidas de protección social e a mellora do investimento en Galiza. Medidas que estaban recollidas no denominado decreto “ómnibus” que vén de ser rexeitado polos grupos da dereita no Congreso.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou que “diante do lamentábel espectáculo que están a dar tanto o Partido Popular como o PSOE”, o Bloque Nacionalista Galego vai esixir “que se deixe de xogar con cuestións tan importantes para a xente como as bonificacións do transporte ou a suba das pensións”
“Uns e outros, insistindo neste pim-pam-pum partidista, xogando ambos os dous ao “canto peor mellor” e pensando unicamente en como prexudicar ao contrario o que están a provocar é un innecesario sufrimento na cidadanía e alentan a desafección coa política”, reprochou.
En troca, Igrexas defendeu que “a política debe servir á xente, debe estar orientada a atender mellor as necesidades do pobo, non para satisfacer estratexias electoralistas, nin de desgaste dun Goberno nin de erosión da oposición”.
Con ese obxectivo a fronte nacionalista vai formular unha emenda transaccional no Pleno deste luns que, segundo apuntaron, “responde ao clamor dunha inmensa maioría social que o que quere é que se busquen solucións por acima do intercambio de culpas”. “O que lle preocupa ás viguesas e aos vigueses é que se manteñan os descontos e bonificacións no transporte, que se aumenten as pensións e que se apliquen outras medidas sociais de mellora dos salarios, de protección de familias vulnerábeis e que se garanta un maior financiamento para Galiza”, explicou o portavoz municipal nacionalista.
A emenda nacionalista proporá engadir un acordo adicional aos recollidos no texto da moción de urxencia rexistrada polo PSOE, para solicitar ao goberno do Estado a aprobación urxente dun Real Decreto-Lei individualizado que garanta, de maneira prioritaria, a continuidade das axudas e bonificacións ao transporte e a suba das pensións, así como a aplicación de outras medidas de protección social e a mellora do financiamento de Galiza recollidas no denominado decreto ‘ómnibus’ que foi rexeitado no Congreso. “Non abonda con reproches ao PP como pretende o texto do PSOE, temos que demandar solucións”, explican.
“No Pleno o PP e o PSOE van ter a oportunidade de demostrar se o que lles importa é a xente ou só o seu propio embigo”, remacha Igrexas, subliñando o duro golpe para moitos millares de usuarias e usuarios do transporte público e pensionistas da nosa cidade, así como a perda de 700 millóns de euros de investimento en Galiza.