O voceiro nacionalista, Fran Leiro, advirte de que hai casos nos que propietarios e propietarias teñen que facer fronte a incrementos de máis de 300 euros con respecto ao recibo do ano pasado
A suba do IBI, dos prezos da piscina municipal, do Imposto de Vehículos e o cobro dos vados son medidas que o señor Telmo Martín adopta “para poder pagar a súa política de cemento e formigón”, afirman o voceiro do Bloque, Fran Leiro, que recorda tamén que esta medida chega despois de que o Goberno do PP se subise o soldo nun 18%
As consecuencias da suba de impostos aprobada de forma unilateral polo Partido Popular hai un ano xa empezan a afectar con dureza aos petos da veciñanza de Sanxenxo. Así o denuncia o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que informa de que nas últimas semanas empezaron a chegar os recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI), onde o incremento da recadación por propietario ou propietaria estímase entre o 20 e o 25%. “Estamos a falar de casos nos que hai xente que ten que pagar máis de 300 euros a maiores con respecto ao recibo de 2023”, alerta o voceiro nacionalista Fran Leiro, que define a situación como “un auténtico saqueo ás finanzas das veciñas e veciños de Sanxenxo por parte do señor Telmo Martín”.
Xa no seu día o Bloque votou en contra desta suba, que os nacionalistas consideran “un disparate”. Neste senso, Leiro ten claro que a única pretensión por parte do alcalde é “acadar cartos para poder fronte ás sentenzas urbanísticas desfavorables que, por desgraza, temos que pagar os e as cidadás de Sanxenxo e que son consecuencia da política de formigón e cemento do señor Martín”. Este aumento tan marcado do IBI súmase ao aplicado xa no Imposto de Vehículos, ás tarifas da piscina municipal e ao cobro dos vados que o Goberno do Partido Popular quere aplicar a todas aquelas persoas que teñan que atravesar a beirarrúa para acceder ás súas vivendas. “Estas son as medidas económicas estrela de Telmo Martín e da edil de Facenda, Paula Martínez”, denuncian os nacionalistas, que inciden, asemade, en que este afán recadatorio non se traduce nunha mellor calidade de vida para a veciñanza. “Só hai que ver o abandono ao que somete o alcalde ao rural, con beirarrúas sen limpar ou cunha recollida de lixo insuficiente, por citar só dous exemplos”, critica Fran Leiro, que recorda tamén que este incremento de impostos chega na primeira parte dun mandato no que o Goberno local subiuse o soldo nun 18%. “É unha falta de respecto intolerable á veciñanza”, subliñou.
Este aumento de impostos chega, ademais, apenas un ano despois de que o propio Telmo Martín prometese, durante a campaña electoral de 2023, que no caso de ser elexido alcalde acometería unha baixada de taxas. “Mentiu de maneira descarada aos veciños e veciñas de Sanxenxo co único propósito de gañar votos, pero agora a súas mentiras quedan en evidencia. O malestar entre a cidadanía é patente e non é para menos, tendo en conta que agora a nosa veciñanza ten que asumir unha suba desproporcionada do IBI e facer fronte a un dos impostos de vehículos máis elevados da nosa contorna”, sinala o voceiro do Bloque Nacionalista Galego, que teme que no que resta de mandato o señor Martín “aínda atope o xeito de seguir afogando a economía das familias para poder pagar a súa política de cemento e formigón”.

