HomePontevedraPoioO BNG denuncia a falta de control e a inseguridade viaria na...

O BNG denuncia a falta de control e a inseguridade viaria na entrada do colexio de Lourido  

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas esixe que a Policía Local garanta que os actuais espazos peonís e os pasos de peóns non se vexan invadidos por vehículos

O BNG de Poio vén de denunciar a falta de control e a inseguridade viaria que se vive diariamente na entrada do CEIP Lourido. A voceira Marga Caldas urxe ao Concello que a Policía Local garanta que os espazos peonís e os pasos de peóns que xa existen na actualidade non se vexan invadidos por vehículos. A nacionalista subliña que a situación, sobre todo nas horas de entrada e saída do colexio, “é un caos total”, polo que urxe a implantación dun dispositivo de axentes que controlen e garantan que os coches cumpran a normativa e non ocupen as zonas reservadas ao tránsito peonil.

Caldas subliña que as entradas a centros de ensino son lugares sensibles para o tráfico e por iso salienta que non se entende que Moldes anuncie a mellora da senda pero desatenda o problema de seguranza viaria endémico á entrada do centro. “A situación de estrés de nais, pais e rapaces e rapazas con coches polo medio é moi grande. Hai casos graves de falta de urbanidade e calquera día vai pasar algo que ninguén quere”, advirte.

O grupo do Bloque aplaude que o goberno local amplíe a senda peonil existente entre o aparcadoiro e a entrada do colexio mais subliña que non é suficiente. Sinala que os problemas relacionados coa circulación de vehículos e a seguridade do alumnado son numerosos e históricos, por iso destaca que ademais de anunciar as obras de mellora do camiño seguro, debería realizarse unha actuación urxente repoñendo os bolardos que impiden de maneira física que os vehículos invadan a senda e os pasos de peóns actuais.

A portavoz nacionalista destaca que ademais é inaceptable a ausencia de presenza policial, sobre todo nos momentos críticos da entrada e a saída. Subliña que a medida máis urxente a adoptar debe ser a implementación de accións preventivas por parte do corpo de seguridade local, cun maior control directo dos coches, para que se respecte a normativa.

A portavoz salienta que presencia de axentes na contorna escolar é unha medida que se ten demostrado eficaz en moitas outras localidades, incluso aplaudida polas asociacións de nais e pais, cando a súa presenza é disuasoria e non necesariamente ten unha función punitiva e recadatoria ante posibles incumprimentos.  “En Poio, a falta de servizo da Policía Local está a supoñer que nenas e nenos entren con perigo nas aulas”, afirma.

O BNG sinala que a presenza da Policía non só é precisa xa e de maneira urxente, senón tamén a futuro, cando se remate o ensanche e mellora da senda para, de maneira didáctica, convencer e habituar ás persoas que chegan en coche de que deixen á súa rapazada no aparcadoiro en lugar de na porta do CEIP. “Do contrario seguiranse formando atascos monumentais e situacións de perigo na entrada”, finaliza.

Publicacións Relacionadas