Marga Caldas insta ao alcalde a recoñecer “ e non agochar” as chamadas da veciñanza e os servizos que foron desatendidos polo peche da quenda
Destaca que o goberno local xa non pode falar de “situación puntual” e insta a tomar medidas “reais” para incorporar as e os axentes necesarios
As e os veciños de Poio non teñen “nin de lonxe” o servizo de Policía Local que precisan. O Concello de Poio vai cumprir catro meses coa quenda de axentes das tardes pechada e non se ve unha posible volta á normalidade a medio prazo. Así o vén de denunciar hoxe a voceira do BNG en Poio, Marga Caldas, quen anunciou que o Bloque presentará no vindeiro Pleno unha nova moción para reiterar a solicitude de que, de maneira urxente, o grupo de goberno incorpore os efectivos necesarios para salvar as baixas existentes e a Policía Local complete a súa atención durante todo o día.
A nacionalista destaca que o alcalde Moldes está a demostrar unha “incapacidade total” para cumprir coas súas responsabilidades de xestión, ao non amosar planificación nin poñer na práctica procedementos ou estratexias válidas para que as 17.000 veciñas e veciños da vila poidan dispoñer de Policía Local durante as tardes. Segundo manifesta a voceira, o Concello de Poio nunca sufriu unha falta do servizo destas características xa que, a pesares das dificultades para cadrar quendas e permisos, sempre se conseguiran solucións, xa ben incorporando axentes en comisión de servizos, por traslados temporais ou chegados da academia. “O noso goberno sempre atopou a maneira de garantir a atención. Houbo prazas en rotación, mais a Policía sempre estivo activa sen eliminar quendas”, insiste.
Caldas subliña que o goberno do PP xa non pode argumentar que a situación é puntual e causada por continxencias extraordinarias, posto que van alá catro meses dende que Moldes e o concelleiro de Persoal “laminaron” o traballo de tarde por carecer de efectivos. Lembra que no mes de decembro o grupo municipal do BNG presentou unha moción no Pleno para que se crease unha Comisión Especial de Seguridade coa que buscar solucións. Sostén a nacionalista que é preciso buscar ferramentas para incorporar axentes en comisión de servizos ou mediante convenios con outros municipios, unha vía de cooperación que xa se deu en Galiza nalgunha ocasión ante situacións de necesidade. “Hai que tomar medidas reais”, sostén.
Hai dous meses, recorda a nacionalista, o goberno local rexeitou a proposta do Bloque argumentando que xa se estaban a facer as “xestións necesarias” para solucionar o problema. Sen embargo, outros dous meses despois, lamenta Caldas, “agora mesmo non hai nin o primeiro resultado: a Policía Local segue pechada polas tardes e as veciñas e veciños non teñen servizo. A situación é totalmente precaria”.
Segundo a voceira do BNG, non se coñecen trámites do goberno de Moldes para convocar a oposición e cubrir a praza que falta da RPT nin tampouco movementos doutro tipo para que haxa efectivos suficientes e se volva organizar a quenda de tarde. “Lonxe diso, a situación vai camiño de empeorar polos desencontros laborais cos axentes en activo”, denuncia, lembrando que cando Moldes estaba na oposición pedía incluso un servizo de Policía Local 24 horas.
Caldas sostén que nestes momentos “a atención á veciñanza é deficitaria”, xa que todas as incidencias (roubos, accidentes ou problemas de tráfico, casos de violencia…) que se producen fóra do horario de mañá (entre as 8 e as 14 horas) teñen que ser derivadas e, como mínimo, son xestionadas con demora , a pesares de que outros corpos de seguridade traballan no municipio, da atención no teléfono de emerxencias e de Protección Civil. A falta de efectivos tamén está a crear atrasos na xestión burocrática e, nalgúns casos, consta que non existen as valoracións e os permisos necesarios para a celebración de eventos no espazo público.
Apunta Caldas que na memoria da Policía Local publicada esta semana sobre a actividade do corpo en 2024 o Concello non fai referencia algunha aos servizos que se deixaron sen cubrir pola supresión da quenda de tarde. Subliña que, segundo os datos que fixera públicos o sindicato CSIF en novembro de 2024, só nos 26 primeiros días deixáranse de atender por parte das e dos axentes 163 chamadas e 38 servizos. “Se esas eran as cifras por case un mes de peche, despois de catro meses, facendo unhas contas simples, estamos a falar de que a Policía de Poio deixou de atender unha cifra enorme de servizos, o que supón que as veciñas e veciños non tiveron, non teñen, ni parece que vaian ter ‘nin de lonxe’ a atención que precisan”, sostén a nacionalista, quen insta ao alcalde Moldes a facilitar “e non agochar” os datos reais sobre chamadas e servizos non realizados.