Celia García manifesta que desde o 1 de xaneiro só constan 16 contratos na Plataforma de Contratación Pública e que hai gastos —como os de festexos— sen rastro público.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) cuestionou no pleno do pasado xoves 14 de agosto a falta de transparencia do goberno local do Partido Popular (PP) en materia de contratación, ao reclamar que se publique toda a información sobre os contratos menores, tal e como establece a lei.
Os contratos menores son aqueles que as administracións poden tramitar sen licitación pública cando non superan os 15.000 euros en servizos e suministrosou os40.000 euros en obras, segundo a Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público (LCSP).
Precisamente por seren procedementos simplificados, a lei reforza a súa fiscalización a través da publicidade obrigatoria. O artigo 63 da LCSP establece que deben facerse públicos, polo menos, cada tres meses, incluíndo datos como o obxecto, a duración, o importe e a empresa adxudicataria. Esta obriga vese completada pola Lei 19/2013 de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, que garante á cidadanía un acceso claro e accesible á información sobre a contratación pública.
A edil nacionalista, Celia García Santomé, advertiu que o Concello non está a cumprir coa obriga legal de dar publicidade aos contratos menores. Desde o 1 de xaneiro de 2025 só se fixeron públicos 16 contratos na Plataforma de Contratación Pública, unha cifra que non reflicte a actividade real do Concello. “O máis preocupante é que non aparece publicado ningún contrato vinculado cos festexos, cando é evidente que houbo gasto nese eido”, subliñou.
A concelleira lembrou ademais que no mesmo período de 2024 publicáranse 79 contratos menores, unha diferenza que, ao seu xuízo, confirma que o problema non está na contratación realizada senón na falta de transparencia á hora de facer públicos os datos.
Para o BNG, a situación non é unha mera irregularidade administrativa, senón un problema político de fondo: “Estamos diante dun novo exemplo da opacidade coa que actúa o executivo local, que priva á veciñanza do dereito a coñecer como se empregan os recursos públicos”.
Por iso, a formación nacionalista reclama que o goberno do PP en Marín faga pública toda a documentación pendente, lembrando que non se trata dunha cuestión de vontade, senón dunha obriga legal que debe cumprirse sen máis demora.

