HomePontevedraO BNG denuncia fallos nas tarxetas Pass Vigo con cobros indebidos ás...

O BNG denuncia fallos nas tarxetas Pass Vigo con cobros indebidos ás persoas menores de 15 anos

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista reclama solucións inmediatas destas incidencias, que seguen a producirse máis de tres meses despois da entrada en vigor da gratuidade do bus urbano

O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, demanda a continuidade das bonificacións en 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia fallos nas tarxetas Pass Vigo das persoas menores de 15 anos. A fronte nacionalista alerta de que estas incidencias están a provocar cobros indebidos ou que viaxen sen o título de billete obrigatorio, no caso de non ter saldo, cando xa pasaron máis de tres meses da entrada en vigor da gratuidade do bus urbano para as menores.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tachou de “incomprensíbel” que pasado este tempo continúen a sucederse estas incidencias sen que o Concello nin a empresa concesionaria, Vitrasa, teñan actuado. “Uns fallos especialmente inxustificados, se temos en conta que hai moitos anos que o bus en Vigo é gratis para as persoas pensionistas co mesmo sistema da tarxeta Pass”, subliñou.

Considerou que unha medida como a gratuidade do bus para as menores de 15 anos tan “necesaria e longamente reclamada” polo Bloque -e rexeitada durante anos polo Goberno de Caballero- non pode ser unha “tómbola” por erros técnicos do sistema dende o 1 de xullo. Por este motivo, dende o Bloque esixen que o Concello adopte as medidas necesarias para que estas incidencias non se produzan “nin un día máis”.

Igrexas afeou ademais que a resposta de Vitrasa a estes fallos sexa “encollerse de ombreiros” e derivar o problema ás persoas usuarias. “Un exemplo máis da nefasta xestión privatizada dun servizo absolutamente esencial como o autobús urbano”, valorou, lembrando que a empresa recibe cada ano máis de 13 millóns de euros de subvención municipal para permitir o desconto nas tarifas.

Continuidade das bonificacións

Dende a fronte nacionalista avanzaron tamén que van reclamar a continuidade das actuais bonificacións durante o ano 2026, entre elas a gratuidade para as e os menores de 15 anos, nas vindeiras Comisións Informativas do Concello. O portavoz do BNG interpelou o alcalde, Abel Caballero, para que esixa do seu Goberno en Madrid que se prorroguen as subvencións xa que “presume de liña directa coa Moncloa”.

Demandou en todo caso que se manteñan os descontos a cargo de recursos propios do Concello en caso de non recibir fondos estatais. “O único escenario que as viguesas e vigueses non poden aceptar é volver ás tarifas anteriores, as máis caras das 7 cidades galegas e unha das máis custosas de todo o Estado mesmo con bonos”, afirmou.

Igrexas advertiu de que o Bloque vai dar a batalla para defender o mantemento das bonificacións e evitar así un “novo tarifazo” no bus urbano. Volveu reiterar as críticas polo servizo “deficiente e insuficiente” de Vitrasa, con 250 frecuencias recortadas dende 2019, un mapa de liñas que cualificou de “obsoleto” e sen lanzadeiras “dignas” para o CUVI, o Hospital Álvaro Cunqueiro, o aeroporto e as estacións de tren. 

Publicacións Relacionadas