HomePontevedraO BNG denuncia “neglixencias graves” de seguridade e saúde nas obras da...

O BNG denuncia “neglixencias graves” de seguridade e saúde nas obras da Xunta do CIFP Manuel Antonio de Vigo

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista constata importantes problemas durante unha visita ao centro xunto con docentes e acusa o Goberno galego dunha “caótica e perigosa chapuza” na xestión das obras

Defenderá no Parlamento galego unha batería de iniciativas para urxir solucións diante do “desastre” que se padece nun centro con máis de 1.500 estudantes matriculados/as

Alexandra Fernández: “As obras en centros de ensino non só consisten en licitar, teñen que contar cun plan para minimizar ao máximo o impacto nas aulas e garantir a seguridade”

Xabier P. Igrexas: “Non poden seguir padecendo que unhas obras que eran necesarias se teñan convertido nun calvario insoportábel que impide mesmo a actividade educativa”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia “neglixencias graves” en materia de seguridade e de saúde durante as obras no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio. Así o constataron a deputada nacionalista Alexandra Fernández e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, durante unha visita ao centro acompañados de docentes de diferentes departamentos.

O BNG responsabiliza a Xunta de Galiza do “desastre” que están a producir, dende que comezou o curso lectivo hai tres meses, uns traballos de reforma da cuberta que tachan de “caótica e perigosa chapuza” por causa da “pésima xestión e nula supervisión”. Unha situación que está poñendo en risco tanto ao alumando como ao profesorado deste centro, con 1.500 matrículas, provocando a suspensión de aulas e impedindo a actividade educativa. Por estes motivos, a fronte nacionalista avanzou unha batería de novas iniciativas no Parlamento galego para esixir solucións inmediatas.

Fernández e Igrexas puideron comprobar de primeira man moitos destes riscos, derivados dunhas obras “necesarias” para o centro pero que están a provocar máis deficiencias das que xa existían: filtracións de auga nos diferentes edificios do centro, fortes cheiros de materiais illantes e partículas de po en suspensión que fan “o ambiente irrespirábel”, entre outras eivas. Nun dos talleres caeu parte do teito durante unha clase, alertan, e outras están a realizarse con baldes no medio para recoller as pingueiras.

A isto, denuncian as e os docentes, súmanse os ruídos constantes dos traballos e a falla de medidas de seguridade por parte dos operarios, como realizar tarefas de desentullo e lanzamento de cascotes con alumnos e alumnas a poucos metros. Xunto a estes graves problemas de saúde e seguridade, advirten tamén, as obras están danando equipamentos e maquinaria especializada valorada en ducias de millares de euros. De feito, un corte eléctrico, que puido ter orixe nas obras, xa provocou a perda de cepas de estudo sanitario que estaban almacenadas en neveiras.

Desde a fronte nacionalista criticaron tamén a “total opacidade” da Xunta, que só deu o paso de constituír unha Comisión de Seguimento das Obras cando as protestas visibilizaron publicamente o problema. Unha falla de transparencia que continúa arestora xa que, tal e como advertiu o propio profesorado, segue sen coñecerse o plan de prevención nin cando se van realizar as prometidas medicións técnicas diante do uso de materiais potencialmente tóxicos na obra. “O desleixo é tal que nin tan sequera reforzou o servizo de limpeza a pesar da forte presenza de po e materiais en suspensión”, alertan.

“Pésima xestión e planificación”

A deputada do BNG esixiu o Goberno galego do PP que escoite as demandas da comunidade educativa do CIFP Manuel Antonio, o segundo con máis alumnado de Galiza, que leva meses reclamando unha solución. Como resposta, criticou, o Goberno galego “ou ben minimiza o problema ou aplica unha política de represión” contra o profesorado que denuncia. “Este centro debería estar mimado por parte da Consellaría como a xoia da coroa da Formación Profesional, e o que vemos é todo o contrario”, lamentou.

Fernández considerou que, detrás destes problemas, está unha “pésima” xestión e planificación do Goberno galego, que decidiu arrancar a reforma coincidindo co inicio do curso sen aproveitar o peche do centro durante o verán. Aliás, asegurou que a previsión era que os traballos rematasen en decembro deste ano pero, segundo recoñeceu xa a propia Consellaría, poderían alargarse até a primavera de 2026.

“As obras en centros de ensino non só consisten en licitar obras, teñen que contar cun plan para minimizar ao máximo o impacto nas aulas e, sobre todo, garantir a seguridade en todos os espazos”, defendeu.

“Duplo castigo da Xunta do PP”

De por parte, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou a situación no CIFP Manuel Antonio como “exemplo do duplo castigo ao ensino público” que se padece na cidade por parte da Xunta de Galiza do PP. “O desgoberno de Rueda primeiro abandona os centros, desatendendo as súas demandas de rehabilitación e mellora de instalación, coma no Manuel Antonio que ten 50 anos, e despois produce un verdadeiro desastre pola falla de supervisión e control das obras”, explicou.

“O alumnado, o profesorado e o conxunto do persoal do Manuel Antonio non poden seguir padecendo que unhas obras que eran necesarias se teñan convertido nun calvario insoportábel que impide mesmo a actividade educativa”, remachou.

Igrexas chamou a “visitar o centro para comprobar o alcance do seu desastre” aos responsábeis do PP. “Fronte ao discurso criminalizador da Xunta, que tentou reprimir á comunidade educativa por denunciar esta situación, abondan apenas uns minutos alí para constatar que están a soportar algo inaguantábel”.

Publicacións Relacionadas