HomePontevedraO BNG denuncia o avance do empobrecemento en Vigo fronte á miseria...

O BNG denuncia o avance do empobrecemento en Vigo fronte á miseria das axudas sociais do Goberno de Abel Caballero

- Anuncio -spot_img

Critica a redución dun 50% das partidas destinadas a axudas sociais municipais desde 2020 e que se dedique a ela un terzo do que se gasta en luces de Nadal

A fronte nacionalista reclama un cambio de modelo que deixe atrás “o reparto asistencialista de axudas de miseria” e avance cara a unha “renda social municipal”

Xabier P. Igrexas: “33 céntimos ao día. Ese é o importe medio das axudas sociais municipais que recibiron as viguesas e vigueses durante o ano 2025”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo advertiu hoxe de que a pobreza e o empobrecemento continúan a avanzar na cidade, tal e como amosan os datos oficiais, fronte á propaganda triunfalista do Goberno municipal de Abel Caballero.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lembrou que o índice AROPE sitúa a 1 de cada 5 viguesas e vigueses en risco de pobreza ou exclusión social, e que na cidade existen 22.000 persoas con ingresos inferiores aos 625 euros mensuais. “Son millares as familias que teñen que acudir a bancos de alimentos ou comedores sociais”, engadiu, nunha cidade na que o albergue municipal, con apenas 38 camas, atende cada ano arredor de 1.200 persoas sen teito ou en situación de pobreza extrema.

33 céntimos ao día: a política social da propaganda

Neste contexto, Igrexas cualificou de “frivolidade inaceptábel” que Abel Caballero presumise recentemente da política social do Concello. “Os propios datos que celebra o alcalde desmontan o seu relato”, afirmou.

“33 céntimos ao día. Ese é o importe medio das axudas sociais municipais que recibiron as viguesas e vigueses durante o ano 2025”, denunciou, sinalando que dedicar pouco máis dun millón de euros en axudas de emerxencia para case 9.000 persoas é a proba dun modelo asistencialista “cada vez máis escaso, limitado e insuficiente”.

O portavoz nacionalista subliñou que esta situación é consecuencia dunha decisión política do Goberno municipal, que desde 2020 reduciu á metade as partidas destinadas a axudas sociais e eliminou o denominado “cheque social”, creado por iniciativa do BNG.

A través do “cheque social”, as AEFAS —axudas extraordinarias a familias—, garantíase “unha axuda estábel, con criterios claros e xustos”, complementaria doutras prestacións como a RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital, mentres que as axudas de emerxencia quedaban reservadas para atender con urxencia situacións puntuais.

“Pasamos de destinar 1,6 millóns de euros para 2.000 beneficiarias coas AEFAS, a repartir pouco máis dun millón entre case 9.000 persoas só coas axudas de emerxencia”, denunciou Igrexas, advertindo do empobrecemento deliberado da política social municipal.

Máis luces de Nadal que axudas sociais

Para 2026, os orzamentos municipais aprobados “co rodete absolutista de Abel Caballero” recollen unha partida de apenas 1,3 millóns de euros para axudas sociais, unha cifra que o BNG propuxo duplicar a través de emendas que foron rexeitadas polo Goberno.

“Estamos a falar de que o Concello da maior cidade de Galiza, nun claro contexto de emerxencia social, vai dedicar a axudar ás persoas máis vulnerábeis só unha terceira parte do que prevé gastar en luces e adornos de Nadal”, criticou.

Un cambio de modelo: renda social municipal

Desde o compromiso de “converter o Concello nun verdadeiro parapeto social”, mobilizando todos os medios, recursos e capacidades para protexer á maioría social que representan as clases populares e traballadoras, o BNG insiste na necesidade dun cambio profundo de modelo.

“Cómpre deixar atrás os repartos asistencialistas de axudas de miseria e avanzar cara á posta en marcha dunha renda social municipal, compatíbel coa RISGA ou co IMV”, defendeu Igrexas, para garantir que “nunha cidade na que o Goberno municipal deixa cada ano máis de 100 millóns de euros sen executar, ninguén quede atrás”. “Iso si que sería humanizar de verdade Vigo: poñer as persoas no centro das políticas”, remachou o portavoz municipal do BNG.

Publicacións Relacionadas