Home O Morrazo Marín O BNG denuncia o deterioro do Paseo Alcalde Blanco

O BNG denuncia o deterioro do Paseo Alcalde Blanco

0
3

Lucía Santos critica a inacción do goberno municipal ante o deterioro dun paseo de máis dun millón de euros e insiste en dotar de sombra a zona de xogos para combater a calor extrema

O BNG de Marín alertou na comisión de Turismo do 6 de xullo do progresivo deterioro do Paseo Alcalde Blanco,case tres anos despois da súa inauguración en xullo de 2022 e da primeira advertencia sobre a mala calidade dos materiais empregados.A voceira municipal, Lucía Santos, lembrou que en setembro dese mesmo ano a formación nacionalista xa denunciara o desgaste das madeiras e os defectos no pavimento da zona de xogos de auga.

Entre as deficiencias actuais, Santos citou o desprendemento das láminas de caucho na área de xogos de auga, “un risco para as crianzas e mostra da falta de mantemento”. Tamén lembrou o abandono das zonas verdes e o deterioro do mobiliario urbano, que xa foron denunciados en 2022 e 2023. “Estamos a falar dun investimento de máis dun millón de euros que presentou defectos aos tres meses da súa apertura”, denunciou.

O BNG tamén reclama medidas contra a calor extrema no verán, como a instalación de zonas de sombra na área de xogos, proposta en 2023 e rexeitada polo PP. “É insoportable estar no paseo nas horas centrais do día, e por saúde pública e benestar, o Concello debe actuar xa”, advertiu.

A formación nacionalista pide accións inmediatas que inclúan a reposición dos elementos danados, a mellora das zonas verdes, a instalación de zonas de sombra e un plan de mantemento periódico que preserve este espazo emblemático da vila.