Os nacionalistas cargan contra Telmo Martín por despilfarrar 300.000 euros na instalación da tarima flotante, unha medida que moitos usuarios e usuarias desaconsellaron antes da obra, ante o temor de que acondensación e a humidade a convertese nunha superfice esvaradiza
Os peores augurios cumpríronse e o mal estado da tarima obrigou a cancelar adestramentos e partidos oficiais, logo dunha actuación que o señor Telmo Martín “só fixo para saír na foto”
Apenas uns meses foron tempo suficiente para confirmar unha nova chapuza perpetrada polo Goberno de Telmo Martín. Así o denuncia o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo, que se fai eco das deficiencias que presenta na actualidade o pavillón polideportivo de Vilalonga. Unha infraestrutura que foi inaugurada en outubro, logo de que o PP gastase máis de 300.000 euros na súa reforma. Un “auténtico despilfarro”, tal e como o definen os nacionalistas, que lamentan que o Partido Popular fixese caso omiso das propostas e dos avisos que lles trasladaron os clubs e os usuarios e usuarias destas instalacións. “O señor Martín volve quedar en evidencia, aínda que probablemente despois de tirar ao lixo 300.000 euros de cartos públicos volverá a presumir de ser un bo
xestor”, critica o grupo da oposición. Cómpre lembrar que a actuación realizada no pavillón tiña coma obxectivo acabar cos problemas de filtracións de auga e humidades, así como a renovación da superficie.
Sobre o novo firme, precisamente este é un dos problemas xerados pola incapacidade do Goberno local en facer ben as cousas. “Instalouse unha tarima flotante, a pesar de que esta era unha fórmula que moitos usuarios e usuarias desaconsellaron por completo, porque, no caso de producirse filtracións de auga, volveríase máis esvaradiza e perigosa”, sinala o voceiro do Bloque, Fran Leiro. Esta previsión cumpriuse e, apenas de catro meses despois da súa inauguración, xa se tiveron que cancelar adestramentos e partidos oficiais polo mal estado da pista. As choivas rexistradas nas últimas semanas impediron a celebración de varios partidos do Sanxenxo Balonmán. O mesmo sucedeu con sesións de adestramentos que tiveron que cancelarse ao estar a pista impracticable, por risco a producírense caídas ou lesións. Os usuarios e usuarias tamén veñen detectando a presenza de moho en diferentes parte da superficie, polo que “seguramente a pista está en moito peor estado do que pode parecer a simple vista”, advirte Leiro.
Esta situación podería terse evitado no caso de que o Goberno do PP escoitase as propostas das entidades que fan uso do pavillón antes de iniciar a obra. Pero, tal e como denuncia o BNG, “o señor Telmo Martín tiña moita presa en gastar 300.000 euros para poder saír na foto. Esta
é a gran especialidade do alcalde e da súa política de formigón: impulsar obras a modo de escaparate, sen importar se son axeitadas ou se dan resposta ás necesidades da veciñanza”. A actuación promovida polo Goberno local, lonxe de paliar as filtracións de auga, conseguiu o efecto contrario, xa que “no tellado instalouse unha zona de entrada de luz que o que fai en realidade é facilitar que directamente chova dentro da pista nalgunhas partes”. Este feito, ademais, tamén afecta en ocasións ao sistema de iluminación, o que provoca o seu mal funcionamento e que acabe desconectado, como sucedeu a pasada fin de semana.
Ante esta situación, o BNG insta a Telmo Martín a que tome medidas que da solución “a unha problemática que el mesmo provocou, pola súa incapacidade como xestor”.