Xoán Reices: “o Partido Popular continúe castigando a Estrada cunha falta de investimentos crónica que afoga o desenvolvemento do noso concello”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia con firmeza que os Orzamentos da Xunta para 2026 ignoran de novo as necesidades reais da veciñanza da Estrada e condenan o concello a seguir sen solución aos seus problemas máis urxentes. As emendas presentadas polo BNG —orientadas a mellorar servizos públicos, infraestruturas e benestar social— poñen de manifesto todo o que o Goberno do PP se nega a facer.
A portavoz municipal do BNG, Xoán Reices, lamentou que “o Partido Popular continúe castigando a Estrada cunha falta de investimentos crónica que afoga o desenvolvemento do noso concello, deixa envellecer as infraestruturas e obriga a milleiros de estradenses a vivir con servizos públicos insuficientes ou directamente inexistentes”.
Emendas estratéxicas do BNG fronte ao abandono da Xunta
Entre as propostas do Bloque para mellorar a vida da veciñanza destacan:
- 600.000 € para a concentración parcelaria de Souto, necesaria para modernizar e dinamizar o rural estradense.
- 750.000 € para a creación dun centro de hemodiálise na Estrada, que evitaría longos desprazamentos e melloraría a calidade de vida de doentes crónicos.
- 200.000 € para a recuperación da Torre e do Pazo de Guimarei, unha actuación clave para a protección do noso patrimonio histórico.
Ademais, o BNG incluíu numerosas actuacións nas partidas xeréricas da Xunta, entre elas:
- Accesos ao centro médico de Souto de Vea.
- Mellora dos accesos desde Baloira ás parroquias da zona de Vea e á estrada a Pontecesures.
- Melloras na PO-214 e na PO-213, incluíndo paso peonil, beiravías e a finalización da capa de rodadura.
- Actuacións no marco do Plan de ampliación e mellora da rede de centros de día públicos, no que o BNG reclama recursos específicos para garantir un centro de día digno para a Estrada.
Non aceptamos migallas para a Estrada
O BNG denuncia que, malia estas propostas, a Xunta continúa negándose a incluír investimentos reais e suficientes para dar resposta ás demandas históricas do concello. “A Estrada non pode seguir vivindo de promesas baleiras”, afirma Reices.
O BNG esixe un cambio de rumbo
O Bloque reclama á Xunta que “rectifique e asuma as emendas presentadas, pois representan investimentos imprescindibles para garantir igualdade de oportunidades e servizos dignos na Estrada”.
“A veciñanza merece unha Xunta que invista no noso futuro, non un goberno que nos abandona ano tras ano. O BNG seguirá loitando para que á Estrada chegue o que lle corresponde por dereito”, conclúe Reices.



