HomePontevedraO SalnésO BNG denuncia que o deterioro do Mirador da Peixeira, en Portonovo,...

O BNG denuncia que o deterioro do Mirador da Peixeira, en Portonovo, xa pon en risco a integridade física da veciñanza

- Anuncio -spot_img

Os edís nacionalistas visitaron o lugar para constatar o seu mal estado, que xa provocou algunha caída, afortunadamente sen consecuencias

A obra, que tivo un custe de máis de 800.000 euros, levouse a cabo pese á oposición veciñal e leva o selo de Telmo Martín: toneladas de formigón para saír na foto e, despois, deixar o espazo no esquecemento, como sucede con outras infraestruturas do municipio

Apenas uns meses despois da súa inauguración, a contorna do Mirador da Peixeira, ademais de seguir sendo un espazo abandonado e cheo de deficiencias, tamén pon en risco a seguridade das persoas que camiñan por esa zona. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo advirten da mala situación do lugar, no que xa se produciu algunha caída, afortunadamente sen consecuencias. Os integrantes do Bloque na Corporación municipal, Octavio González, Estrella Martínez e Adrián González, achegáronse ata o mirador para constatar que os máis de 800.000 euros investidos nesta obra só serviron para “seguir provocando malestar e preocupación en Portonovo”.

A edil e os concelleiros nacionalistas comprobaron o mal estado da contorna, un lugar que “no seu día foi punto de encontro e referente para un gran número de veciños e veciñas desta vila mariñeira” e que, por mor da insistencia de Telmo Martín, agora é “un espazo cada vez máis en desuso e en absoluta decadencia, no que cada vez que hai mal tempo prodúcense desperfectos e no que xa se rexistrou algunha caída”. Desde o Bloque lamentan que o sucedido con esta actuación é un “exemplo moi claro do que é a política de Telmo Martín: formigón, cemento e opacidade absoluta”. Recorda o BNG que esta actuación non foi solicitada pola veciñanza de Portonovo, senón que foi todo o contrario: o proxecto foi cara adiante a pesares da oposición e do malestar que suscitaron as obras, que se traduciron “nunha decadencia absoluta dun espazo que alberga unha das figuras máis importantes do escultor Alfonso Vilar, como é o da Peixeira, e que mesmo estivo a piques de ser retirada do seu emprazamento. Se non foi así, foi única e exclusivamente porque a veciñanza se opuxo ás intencións do señor Telmo Martín”, denuncian os nacionalistas. O ‘modus operandi’ do alcalde do Partido Popular, insisten desde o Bloque, é moi claro: “botar formigón onde non fai falta, facerse unha foto para a prensa e, despois, esquecemento absoluto. Así sucede con este mirador e con outras obras que tamén resultaron moi custosas e que cada vez están en peor estado, como é a Praza do Pazo de Sanxenxo ou outros equipamentos municipais, como a piscina de Baltar ou o pavillón da Florida”.

A todo isto hai que engadir que a actuación provocou a supresión de preto de medio cento de prazas de estacionamento, agravando aínda máis a carencia que existe no núcleo de Portonovo con respecto a este servizo.

Publicacións Relacionadas