Denuncia a inacción de Vitrasa e demanda ao Goberno municipal que actúe ante incidencias que provocan cobros indebidos nun servizo que debe ser gratuíto
Xabier P. Igrexas: “O que debera ser unha medida positiva como a gratuidade do bus para menores de 15 anos, que foi longamente reclamada polo BNG, converteuse nunha especie de tómbola por culpa de fallos técnicos que non se corrixen”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou este luns que continúan a producirse fallos nas tarxetas PassVigo das persoas menores de 15 anos que están a impedir a gratuidade do transporte urbano para este colectivo.
Segundo explicou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, estas incidencias non son puntuais nin están resoltas, senón que seguen a provocar situacións reiteradas. “Cando o sistema falla ou ben se cobra o billete coa tarifa normal da PassVigo, ou no caso de tarxetas sen saldo esíxese o pagamento do billete ordinario, remitindo despois ás persoas afectadas a reclamar a devolución”, detallou.
O portavoz municipal nacionalista advertiu de que estas situacións son “inaceptábeis”, xa que derivan en cobros indebidos ou mesmo en menores que teñen que viaxar sen título válido cando a tarxeta non funciona correctamente. “O que debera ser unha medida positiva como a gratuidade do bus para menores de 15 anos, que foi longamente reclamada polo BNG, converteuse nunha especie de tómbola por culpa de fallos técnicos que non se corrixen”, afirmou.
Falta de resposta
Igrexas lembrou que o BNG xa advertira desta problemática hai meses e criticou que nin o Concello nin Vitrasa teñan ofrecido unha solución eficaz. “Estamos ante un exemplo máis do que pasa cando un servizo público esencial está mal xestionado por parte dunha empresa privada”, sinalou.
Neste sentido, cuestionou queVitrasa non sexa quen de garantir o correcto funcionamento dun sistema que leva anos operando sen problemas noutros colectivos, como o das persoas pensionistas que contan tamén con billete gratuíto, malia contar cunha subvención municipal superior aos 13 millóns de euros anuais.
Actuación inmediata
Desde o BNG reclaman ao Goberno municipal que deixe de “mirar para outro lado” e adopte medidas inmediatas para corrixir estas incidencias. “Non pode haber nin un só menor máis afectado por erros que son responsabilidade da administración e da empresa concesionaria”, subliñou Igrexas.
Igrexas concluíu lembrando que está en xogo “un dereito básico e un servizo esencial”. “A mobilidade pública non pode depender de se unha tarxeta funciona ou non. Ten que ser fiábel, accesíbel e estar ao servizo da cidadanía. E hoxe, lamentabelmente, iso non está a suceder en Vigo”, remachou.



