Acusa o Goberno local de incumprir o regulamento que obriga a facilitar esa información en 5 días ao grupo nacionalista: “Despois de 17 días seguimos sen recibir ningún dato”
Xabier P. Igrexas: “O importe debe ser especialmente vergoñento e indefendíbel, toda vez Caballero pretende que a cidadanía non coñeza a factura que se pagou cos cartos de todas e todos”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Goberno de Abel Caballero insiste en ocultar os gastos asumidos polo Concello de Vigo para a celebración do desfile das Forzas Armadas. A fronte nacionalista acusa o Goberno local de incumprir o Regulamento Orgánico do Pleno, que obriga a facilitar toda a información en 5 días, despois de non ter resposta á solicitude formal realizada o pasado 1 de xuño.
“Despois de 17 días continuamos sen recibir ningún dato, ningunha información nin se nos deu acceso a ningún expediente”, criticou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen tachou esta negativa de “nova ilegalidade dun goberno instalado na autocracia e que se nega a someterse ao control da oposición”.
O Bloque vai rexistrar este venres un novo e derradeiro escrito esixindo que se lle facilite acceso a toda esa información, advertindo de que a falla dunha resolución denegatoria no prazo establecido implica o silencio positivo e, polo tanto, que a solicitude se considera concedida. “Non facelo será un novo acto ilegal, ao que parece que se está acostumando o Goberno municipal”, subliñou Igrexas.
Comisión de Transparencia
En caso de insistir nesta negativa, a fronte nacionalista anunciou que dará traslado á Comisión de Transparencia de Galiza solicitando que emita unha resolución que obrigue ao Goberno de Caballero a facilitar esa información sobre o desfile militar, relativa a todos os gastos en materia de seguridade, limpeza, mobilidade, persoal, adecuación de espazos públicos, cesión de instalacións e outros recursos municipais mobilizados.
“Trátase dun intento inaceptábel de impedir que as viguesas e vigueses coñezan os custos que tivo ese acto de exaltación militarista e españolista para o Concello”, alertou o portavoz municipal do Bloque, que considerou que o “importe debe ser especialmente vergoñento e indefendíbel” para que o Goberno municipal oculte esa información.Porén, Igrexas insistiu en que o BNG non vai permitir que o alcalde “furte o dereito ás viguesas e vigueses de coñecer a factura do desfile de tanques, soldados e armamento pesado polas rúas de Vigo”.

