Davinia Lojo sinala que a perda da bandeira azul non é unha casualidade, senón a consecuencia directa dunha xestión deficiente do saneamento e do desleixo ante as demandas veciñais
O grupo municipal do BNG en Marín critica a falta de limpeza e mantemento na praia de Loira e alerta de que a perda da bandeira azul está relacionada coa mala calidade das augas, provocada por vertidos recorrentes de augas residuais.
Durante o pleno municipal do pasado xoves, 8 de maio, a concelleira nacionalista Davinia Lojo formulou un rogo solicitando a limpeza e roce da zona de rochas situada ao final da praia, onde se acumula maleza, lixo e insectos. Segundo explicou, trátase dunha demanda da veciñanza do núcleo de Loira, xa que ese espazo é habitualmente utilizado como zona de xogos pola rapazada.
A alcaldesa, María Ramallo, asegurou que a brigada de limpeza municipal xa se atopaba traballando na praia e que os labores se executarían entre o xoves e o venres. Non obstante, segundo denunciou Lojo, os días pasaron e a situación continúa igual: a zona de rochas segue sen limpar, non se rozou a contorna do río nin o peirao, e o alisado do areal realizouse unicamente na zona próxima ao “chiringuito, quedando o resto sen acondicionar.
No mesmo pleno, a edil do BNG preguntou polos motivos polos que a praia de Loira non conta este ano coa bandeira azul. A alcaldesa dixo descoñecer as causas, aínda que desde a formación nacionalista sinalan directamente á calidade da auga como principal problema. Ramallo, lonxe de ofrecer unha explicación clara, restou importancia ao asunto ao comentar con lixeireza que unhas veces as análises cualificaban a auga de boa e outras de excelente, sen aclarar por que se perdeu a distinción.
O BNG denuncia que a estación de bombeo situada nas inmediacións da praia padece fallos recorrentes que provocan vertidos de augas residuais ao mar. A formación acusa ao goberno local de mirar para outro lado e de evitar calquera recoñecemento público dun problema grave e persistente que afecta directamente á saúde ambiental da contorna e á imaxe do Concello.
“A perda da bandeira azul non é unha casualidade, senón a consecuencia directa dunha xestión deficiente do saneamento e do desleixo ante as demandas veciñais”, afirmou Davinia Lojo. A concelleira solicita unha actuación urxente para limpar e acondicionar adecuadamente a praia de Loira, e tamén, para poñer fin aos vertidos que comprometen de forma continuada a calidade ambiental do areal.