O BNG do Salnés elixe novo Consello Comarcal

adminON
Lectura mínima de 3

Reelixido Manuel Domínguez como responsábel comarcal, que estará acompañado por Iago Lourenzo como vicerresponsábel.

O BNG do Salnés celebrou na tarde do pasado xoves a Asemblea Comarcal para a elección do novo Consello Comarcal, dando así continuidade ao proceso da XVIII Asemblea Nacional que está a levar a cabo o Bloque Nacionalista Galego.

A candidatura de Manuel Domínguez foi a única presentada ao CC e aprobada por unanimidade da militancia que participou na asemblea.

Na súa intervención, Manuel Domínguez agradeceu o apoio recibido pola comarca durante todo este tempo que ostentou a responsabilidade comarcal, e manifestou que seguirá traballando marcándose como principal obxectivo “agrandar a base social do nacionalismo desde a nosa comarca para seguir reforzando o BNG como única alternativa política que defende os intereses do país”.

O responsábel comarcal agradeceu o traballo realizado pola militancia, responsábeis locais, membros do consello comarcal e concelleiros/as nestes últimos anos, cun saúdo especial a Xoan Castaño, vicerresponsable nos últimos oito anos. A continuación fixo un repaso da actividade nestes anos tan intensos, apoiando as reivindicacións dos sectores máis prexudicados polas políticas do PP, defendendo á xente do mar e do rural, posicionándose en contra do espolio eólico e medio ambiental, como o de Altri ou a mina de Touro, ou saíndo á rúa en defensa dos servizos públicos de calidade, en especial en sanidade e ensino.

Domínguez manifestou tamén o afán en seguir apoiando ás clases traballadoras e as maiorías sociais, así como en reivindicar para a nosa comarca unha residencia pública para maiores.

No novo Consello Comarcal estarán presentes ademais Montse Prado, deputada no Parlamento Galego; o Alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño; os/as portavoces municipais de Vilagarcía, Sanxenxo, Ogrobe, Arousa, Meaño e Ribadumia; e persoas que por primeira vez formarán parte deste órgano como Mar Pérez, concelleira en Cambados e representante na Mancomunidade do Salnés.

O Consello Comarcal completarase coa incorporación da responsábel comarcal de Galiza Nova, Esmeralda Crespo, así como dos/as novos/as responsábeis locais dos concellos que conforman a comarca. Con este proceso, darase por pechada a XVIII Asemblea Nacional da formación nacionalista.

CANDIDATURA AO CC BNG O SALNÉS

  1. Manuel Domínguez Rey.
  2. Iago Lourenzo Santamaría.
  3. Mar Pérez García.
  4. Pilar Xiráldez Outeda.
  5. Manuel Suárez Nieto.
  6. Ester Vázquez Vázquez.
  7. Xoán Xosé Castaño Conde.
  8. Hortensia Rodríguez Domínguez.
  9. Anselmo Noya Martínez.
  10. Sandra Fernández Agraso.
  11. Xabier Rodríguez Paz.
  12. Montserrat Prado Cores.
  13. Francisco Leiro Duarte.
  14. Vanessa Fariña Padín.
  15. Duarte Correa Piñeiro.

Sup. 1. David Torres Mascato.

Sup. 2. Rosana Domínguez Rey.

Sup.3. Roberto Ferreira Fabeiro.

Comparte este artigo