As deputadas do BNG no Parlamento galego, Montse Prado e Rosana Pérez, participarán nun acto aberto na Illa de Arousa para abordar as principais problemáticas que afectan ao sector do mar.
Montse Prado e Rosana Pérez estarán acompañadas polo tenente de alcalde, Manuel Suárez, nun encontro que terá lugar este venres, 13 de marzo, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal, onde analizarán a situación límite que atravesan actualmente a pesca, o marisqueo e o cultivo do mexillón.
O acto servirá tamén para explicar as iniciativas presentadas polo BNG nas distintas institucións co obxectivo de que o goberno do Partido Popular adopte as medidas necesarias para reverter a actual situación de crise que vive o sector.
Entre as propostas xa rexistradas no Parlamento galego, o BNG insta á Xunta de Galiza a dar respostas contundentes para garantir o futuro de milleiros de persoas que dependen destas actividades, como un estudo para coñecer a baixa produtividade, a posta en marcha dun protocolo de baleirado dos encoros, a creación dun seguro colectivo para o sector do mar ou a promoción de sementeiras, tanto públicas como privadas, para garantir o autoabastecemento.
Este encontro pretende ademais abrir un espazo de diálogo para recoller as propostas e inquedanzas do sector diante da crise que está a padecer, derivada dos continuos temporais que provocan a baixa salinidade da auga, a diminución da produtividade, así como das políticas pesqueiras europeas, nomeadamente a aprobación do Regulamento de Control da Pesca da UE, que afecta negativamente á frota de baixura e artesanal.
Desde o BNG do Salnés fan un chamamento ao conxunto do sector do mar a participar neste debate clave para o futuro da nosa ría e do noso país.

