Organizan unha ampla programación de actividades e palestras no marco da campaña ‘Somos unha nación’, de cara á manifestación nacional en Compostela polo 25 de xullo
Xabier P. Igrexas: “Vigo ten que asumir o seu papel como primeira cidade de Galiza frente ao hiperlocalismo ramplón e españolista que algúns practican”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a organización xuvenil Galiza Nova veñen de abrir este venres en Vigo a IX Semana da Patria Galega coa despregadura dunha bandeira xigante nas Travesas. Un acción coa que inician unha ampla programación de actividades e palestras na cidade no marco da campaña ‘Somos unha nación’, co gallo do Día da Patria o 25 de xullo, reivindicando “soberanía, dereitos e unha aposta por un mundo en paz”.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, expresou o “compromiso” nacionalista por facer de Vigo “o motor de todo un País”. Chamou así a converter de novo a cidade nun fervedoiro cultural e creativo; en recuperar o seu papel como potente pulmón industrial e produtivo; en avanzar para transformala na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións; dando alternativas para a mocidade fronte á precariedade, o desemprego e a emigración. “Vigo ten que asumir o seu papel como primeira cidade de Galiza”, afirmou en declaracións aos medios.
Destacou que a programación da IX Semana da Patria Galega en Vigo conta con actividades destinadas a reflexionar sobre a figura de Moncho Reboiras, a ameaza do imperialismo e a necesidade de soberanía, as Bases Constitucionais da Galiza, a situación da lingua, a loita feminista e os dereitos do colectivo LGBT+, así como repartos nas rúas da cidade. Eventos encamiñados a animar tamén a participar na manifestación nacional en Santiago de Compostela (12h dende a Alameda) o vindeiro 25 de xullo. “Para enviar unha mensaxe colectiva: o noso enorme orgullo por sermos galegos e galegas, e a nosa determinación por poder decidir libremente o noso futuro”, defendeu Igrexas.
O legado de Moncho Reboiras
Entre as primeiras actividades, o portavoz municipal do BNG subliñou a proxección do filme ‘Reboiras, acción e corazón’ —mércores 15 de xullo ás 19:00h no RioLagares (rúa da Falperra, 16) — que contará coa participación do seu director, Alberte Mera, e estará presentado por Iria Costas, de Galiza Nova. “Queremos reivindicar o legado dun histórico activista do nacionalismo, da causa da liberación nacional e da xustiza social, que desenvolveu na nosa cidade unha parte moi importante do seu activismo tanto no ámbito sindical como cultural”, afirmou Igrexas, fronte ao que tachou de “vaga reaccionaria e ultra” do PP por criminalizar a figura de Reboiras, vítima recoñecida do franquismo.
Soberanía fronte a Imperialismo
O venres 17 de xullo terá lugar unha mesa redonda intitulada ‘Soberanía fronte a Imperialismo’ — ás 19:30h na Contenedora (rúa Eduardo Iglesias, 11) — que contará coas intervencións do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada nacionalista no Parlamento galego, Montse Prado, presentado polo voceiro municipal en Vigo. Unha palestra coa que as organizacións nacionalistas queren convidar a reflexionar sobre a “necesidade máis evidente do que nunca de soberanía” diante do avance dun imperialismo que “demostra hoxe con maior intensidade do que nunca o seu belicismo e como a guerra é un instrumento ao servizo dos intereses dos poderosos de sempre”.
50 aniversario das Bases Constitucionais
A programación terá como último evento unha palestra sobre os ‘50 anos das Bases Constitucionais’ — martes 21 de xullo ás 19:30h na Évame Oroza (Subida á Costa, 5) — que contará coas intervencións de dúas figuras referentes do nacionalismo galego como Olaia Fernández Davila e Francisco Rodríguez, presentados pola responsábel local do BNG de Vigo e deputada, Carmela González. “Queremos reivindicar a vixencia das Bases Constitucionais para a nación galega que impulsou o nacionalismo hai cinco décadas, e que marcan unha folla de ruta na que seguimos a apostar pola soberanía no camiño de avanzarmos cara a unha Galiza próspera, de xustiza social, igualitaria e radicalmente democrática”, valorou Igrexas.
Programación IX SEMANA DA PATRIA GALEGA VIGO
SÁBADO 11 de xullo
11:00h. Carpa de reparto de bandeiras diante do Mercado do Calvario.
MARTES 14 de xullo
19:30h. Palestra de Galiza Nova: Autoorganización nacional no ámbito feminista e LGTB+ no CS A Desviada (Avda do Fragoso, 27)
MÉRCORES 15 de xullo
19:00h. Proxección de “Reboiras, acción e corazón”. Río Lagares (Rúa da Falperra, 16). Intervén Alberte Mera (director) e presenta Iria Costas.
VENRES 17 de xullo
19:30h. Mesa Redonda: Soberanía fronte a Imperialismo na Contenedora (Rúa Eduardo Iglesias, 11). Interveñen Néstor Rego e Montse Prado. Presenta Xabier P. Igrexas.
SÁBADO 18 de xullo
12:30h. Acto comarcal no Parque Forestal de Beade. Interveñen Carmela González, Diego García, Manuel Caride, Xabier P. Igrexas e Lucía López.
13:30 h. Xantar polo Día da Patria no Asador O Faneco (no Parque Forestal de Beade).
20.00h Ruada da Patria na Praza da Pedra, organizada pola Plataforma Vía Galega xunto con outros colectivos e entidades.
LUNS 20 de xullo
19:30h. Faladoiro de Galiza Nova: Experiencias como neofalantes no CSA Faísca (rúa Toledo, 9)
MARTES 21 de xullo
19:30h. Palestra: 50 anos das Bases Constitucionais no Évame Oroza (rúa subida á Costa, 5) Interveñen Olaia Fernandez Davila e Francisco Rodríguez. Presenta: Carmela González
MÉRCORES 22 de xullo
19:00h. Carpa de reparto de bandeiras na rúa do Príncipe, diante do MARCO

