A fronte nacionalista volve reclamar que se publique o dossier da candidatura e o seu custe económico, que se encargue un estudo independente para valorar o seu retorno e que se cree unha Comisión Informativa Especial
Denuncia que, diante do que podería ser o maior investimento municipal en décadas, non se pode pedir un “cheque en branco” sen llo explicar ás viguesas e aos vigueses
Xabier P. Igrexas: “Se se quere que a candidatura sexa realmente de Vigo, primeiro ten que ser un proxecto da cidade e non só un proxecto do alcalde”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo instou hoxe ao alcalde, Abel Caballero, a abandonar a política de “opacidade” arredor da candidatura de Vigo para ser sede do Mundial de fútbol 2030. Coincidindo coa reunión do rexedor en Madrid coa ministra de Deportes, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou que “está moi ben que o alcalde viaxe, pero o que non pode facer é ir pedir fóra o que non é capaz de explicar na súa propia cidade”.
Igrexas defende que a aspiración mundialista de Vigo non pode seguir sendo “o segredo mellor gardado de Abel Caballero” nin unha estratexia de “propaganda persoal”. Para o portavoz do BNG, se se quere que a candidatura sexa realmente de Vigo, “primeiro ten que ser un proxecto da cidade e non só un proxecto do alcalde”.
Investimento millonario
Desde o BNG critican que a día de hoxe a veciñanza e os grupos da oposición sigan sen dispoñer de información detallada sobre un proxecto que podería roldar os 75 millóns de euros de investimento municipal. “Sería o maior investimento das últimas décadas e non podemos asinar un cheque en branco sen saber cal vai ser o custo real e, sobre todo, o retorno para a cidade”, subliñou Igrexas.
Aliás, lamentou que o PP e o PSOE estean instalados nun “bucle de ruído e testosterona partidista”, centrados en cruzar acusacións coa Xunta, a Deputación ou o Goberno central. Fronte a isto, o BNG reclama “racionalidade e seriedade” para abordar un reto desta magnitude.
Transparencia
Neste contexto de opacidade, Igrexas detallou a folla de ruta que a fronte nacionalista reclama ao Goberno local. A este respeito concretou que as súas esixencias pasan pola publicación inmediata do dossier técnico da candidatura e que se informe de maneira detalladados custos reais do proxecto; o encargo dun estudo de impacto independente que sinale que gaña Vigo con este investimento e, finalmente, a creación dunha Comisión Informativa Especial, seguindo o modelo de consenso acadado no Concello da Coruña, para que todos os grupos municipais teñan acceso á información de primeira man e con total claridade. ‘O alcalde ten que entender que a transparencia non é unha opción, é unha obriga’, sentenciou.
Finalmente, o portavoz municipal nacionalista lembrou que, dado que a FIFA non decidirá as sedes definitivas ata o outono de 2026, Vigo aínda está a tempo de “endereitar o que naceu torcido”. “Aproveitemos este tempo para facer as cousas con rigor. Menos fotos en Madrid e máis claridade en Vigo”, remachou.



