O BNG esixe á Xunta que atenda as peticións do claustro do IES Alexandre Bóveda de Vigo

Redacción

Denuncia a negativa do Goberno galego a reforzar con máis docentes, malia as peticións do centro, e o recorte dunha praza que vai supoñer a eliminación dunha liña de 3º da ESO

Alexandra Fernández: “O Goberno de Rueda está retorcendo os datos para aparentar que existe un incremento de recursos cando a realidade nos centros educativos é moi distinta”

Xabier P. Igrexas: “A política educativa do PP é sempre a mesma: barra libre para o ensino privado-concertado e recortes e precariedade no ensino público”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe á Xunta de Galiza que atenda as peticións do claustro do IES Alexandre Bóveda de Vigo. A fronte nacionalista vén de trasladar ao Parlamento galego as denuncias do centro despois da negativa do Goberno de Rueda a reforzalo cos docentes solicitados pola dirección e do recorte dunha praza que obrigaría a eliminar unha liña en 3º da ESO.

A deputada do BNG, Alexandra Fernández, afea que o Goberno galego ignorase as necesidades trasladadas polo centro para o vindeiro curso escolar, nas que solicitaban tres novos docentes, unha orientadora e unha nova praza de pedagoxía terapéutica para atender as case 800 alumnas e alumnos do IES. “Unhas demandas que buscan manter a oferta educativa de anos anteriores, nin sequera mellorala”, subliñou.

A resposta recibida polo centro a estas peticións de mínimos, tal e como denuncia o propio claustro, foi negativa por parte da Consellaría de Educación, que no seu lugar decidiu amortizar unha praza no departamento de Bioloxía e Xeoloxía “sen previo aviso nin xustificación algunha”. Unha decisión que vai supoñer “un retroceso”, con aulas máis masificadas, comprometendo o funcionamento do centro e repercutindo de maneira directa na calidade educativa, segundo a dirección do IES.

Fernández alerta tamén das “graves consecuencias” desta negativa para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Dende o centro solicitaron tamén novas prazas de Orientación e Pedagoxía Terapéutica ante o “déficit” de apoios cos que conta nesta materia, que foron rexeitadas pola Consellaría pese a estar xustificadas.

“Moi ao contrario do discurso triunfalista que proxecta a Xunta de Galiza, a realidade nos centros educativos é que existe cada vez unha maior insuficiencia de recursos para prestar un servizo de calidade no ensino público”, afirma a deputada do BNG. “Están retorcendo os datos para aparentar que existe un incremento que non é real”, engade.

Rectificación inmediata

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou ao Goberno galego que rectifique e atenda de maneira inmediata a solicitude de persoal docente e especialista que trasladou a dirección do IES Alexandre Bóveda. Unha demanda que, sinalou, foi acordada onte polo Pleno municipal a través dunha emenda do BNG na moción aprobada contra os recortes educativos.

Igrexas subliñou que “Vigo non pode seguir soportando as políticas de recortes coas que a Xunta de Galiza no Partido Popular ataca o ensino público na nosa cidade”.  Da mesma maneira denunciou que “os feitos deixan en evidencia o nulo compromiso do Partido Popular coa atención do alumnado con Necesidades Educativas Específicas ao negarlle ao Coia 2 unha praza de orientadora e outra de pedagoxía terapéutica.

“A política educativa do PP é sempre a mesma: barra libre para o ensino privado-concertado e recortes e precariedade no ensino público. Porque menos persoal docente e especialistas supón precarizar a calidade educativa e afondar na masificación das aulas”, remachou.

Comparte este artigo