HomePontevedraPoioO BNG esixe á Xunta que inclúa nos seus orzamentos de 2026...

O BNG esixe á Xunta que inclúa nos seus orzamentos de 2026 fondos para o centro de saúde na Graña, a mellora da PO-308 e da PO-303 en Samieira, o vial do Vao e o porto de Covelo

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas explica que as contas da Xunta esquecen infraestruturas estratéxicas que impiden o desenvolvemento económico de Poio

A nacionalista lembra que no 2023 xa se dotara de crédito o proxecto construtivo do novo ambulatorio, polo que debería estar operativo o vindeiro ano

O BNG de Poio anunciou hoxe as emendas presentadas ao orzamento da Xunta para 2026 no relativo ao municipio: o grupo nacionalista reclama partidas para o centro de saúde na Graña, para a mellora da PO-308 entre Andurique e A Seca e no núcleo de Combarro, para a PO-303 en Samieira, para a construción do viario do Vao e para o acondicionamento do porto de Covelo. Segundo a voceira do Bloque Marga Caldas, as contas autonómicas do PP para o vindeiro ano “esquecen infraestruturas estratéxicas que impiden o desenvolvemento económico do municipio”.

Entre as peticións prioritarias, o BNG de Poio destaca a necesidade dunha partida dun millón de euros para a construción do novo centro de saúde nos terreos da Canteira da Graña. Caldas subliña que dende hai case 10 anos as infraestruturas sanitarias do Concello (centro de saúde de Anafáns e consultorios de Raxó e Combarro) veñen quedando pequenas respecto do crecemento de poboación.

A voceira nacionalista lembra que o anterior goberno municipal, liderado polo BNG, deu xa en 2023 un grande impulso ao proxecto ao mercar os terreos da antiga Canteira de Graña, unha localización céntrica que conta con grandes espazos para aparcamento e a construción de novos equipamentos. Destaca que segundo as conversas co Sergas, nos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2023 dotouse crédito para a elaboración do proxecto construtivo, motivo “polo que no 2026 este importante equipamento debería estar en funcionamento”.

Caldas subliña que os últimos movementos da Xunta poñendo en dúbida a viabilidade da parcela da Graña só responden “a un intento de agochar a ineptitude” do alcalde Moldes, quen nos dous últimos dous anos non deu ningún paso adiante para redactar o Plan Especial necesario para desenvolver a zona nin tampouco xestionou coa AXI a mellora das infraestruturas de acceso.

A segunda das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta para Poio céntranse na seguranza viaria da estrada PO-308 entre os núcleos de Andurique e A Seca e o núcleo de Combarro. Segundo o Bloque, son a PO-308 ten unha carga de tráfico “inasumible” en zonas moi densamente poboadas, polo que “é fundamental a mellora da seguranza viaria, sobre todo a entrada a Poio dende Pontevedra pola avenida Andurique na parroquia de San Salvador, ademais de en Combarro, impulsando o calmado de tráfico e aumentando o espazo para as e os peóns. Cada ano temos que lamentar máis de 200 accidentes nesta estrada”, lamenta Caldas.

Na mesma liña, o grupo nacionalista solicita un proxecto de mellora da seguranza viaria na estrada PO-303 no núcleo de Samieira, por presentar un trazado moi deficiente que fai perigoso o tránsito debido ás numerosas curvas e a escasa visibilidade, e por non ter beirarrúas, pasos de peóns nin varandas.

Seguindo coas infraestruturas, o Bloque volve solicitar á Xunta que inicie a construción do viario do Vao. Caldas destaca que é preciso abordar unha planificación estratéxica en materia de infraestruturas que permita mellorar a mobilidade e a seguranza viaria así como adaptarse ás necesidades do novo contexto social. “O viario do Vao vai permitir ordenar o tráfico na zona da Barca, dando acceso directo á nova ponte e a autoestrada. Isto solucionará moitos dos problemas que xera actualmente a PO-308 en San Salvador, parroquia na que non debemos esquecer viven 7.000 habitantes e que segue en crecemento”, destaca a portavoz, quen sinala que a inexistencia de vías estratéxicas como a do Vao “impiden o desenvolvemento económico de Poio e por iso precisamos que se execute”.

Por último, as nacionalistas solicitan 1,5 millóns de euros para acondicionar o Porto do Covelo, humanizando a contorna urbana para así poder recuperar un núcleo turístico principal en Poio.

Publicacións Relacionadas