A fronte nacionalista acusa o Goberno galego de “estrangular” os centros educativos públicos da cidade ao restrinxir a oferta de novas prazas en educación infantil
Xabier P. Igrexas: “Estamos ante unha decisión política deliberada: recortar no público para favorecer o negocio privado nun ámbito tan fundamental como é o ensino”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe á Xunta de Galiza que rectifique a limitación de novas prazas nos colexios públicos de Vigo. A fronte nacionalista acusa o Goberno galego de “estrangular” a centros educativos como o Eduardo Pondal, o Paraixal e o Sello por restrinxir a oferta de máis prazas en educación infantil, tal e como veñen de denunciar dende a comunidade educativa.
Así o reclamou este mércores o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, despois de coñecerse a decisión da Consellaría de Educación de reducir o número de vacantes para o curso de 4º de infantil ao contar estes centros das parroquias de Lavadores, Teis e Cabral con aulas agrupadas ou mixtas.
Igrexas cualificou de “absolutamente inxusto e inxustificado” que a Xunta gobernada polo PP pretenda negar prazas en lugar de permitir o desdobre. “Limita así a capacidade de atención e a calidade educativa, e impide sen argumentos o crecemento de centros públicos de Vigo”, reprochou.
Debilitar o ensino público
Para o portavoz municipal do Bloque esta decisión do Goberno galego é “deliberada”, criticando que se manteñan ao mesmo tempo os concertos con colexios privados. “O obxectivo de Rueda é seguir recortando no público para favorecer o negocio privado nun ámbito tan fundamental como é o ensino”, acusou.
Dende a fronte nacionalista sinalaron que “esta estratexia debilita o sistema público” e atenta contra o dereito das familias a acceder a unha educación pública, gratuíta e de calidade. “O ensino público non é un gasto, é un investimento de futuro”, defendeu Igrexas, poñendo en valor o seu papel como garante para a igualdade de oportunidades e a cohesión social.
Por estes motivos, dende o BNG esixiron que a Consellaría de Educación rectifique de inmediato esta restrición nos centros educativos de Vigo e reclamaron que se aumente o número de prazas en educación infantil, permitindo o desdobre de aulas para que poidan asumir máis alumnado. “O ensino público non pode ser tratado como unha opción secundaria nin subordinada a intereses privados”, remachou o seu portavoz municipal.



