A fronte nacionalista rexistra alegacións coas que reclama unha nova redacción do proxecto ante a falla de frecuencias, prazas e conexións entre a cidade, os concellos do Val de Miñor e Mos
Manuel Caride: “Este Plan insiste nas mesmas eivas que provocan problemas de masificación nos buses e que deixa á veciñanza tirada nas paradas”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe á Xunta de Galiza que rectifique o Plan de Transporte Público por Estrada na comarca de Vigo por “reincidir nun modelo fracasado” que non vai resolver os problemas do servizo actual. A fronte nacionalista vén de rexistrar alegacións coas que reclama a retirada e redacción dun novo proxecto que corrixa a falla de frecuencias, prazas e conexións entre a cidade, os concellos do Val de Miñor e Mos.
O responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride, considera que o Goberno galego volve “insistir nas mesmas eivas” que provocaron a rescisión do contrato actual como a masificación nos buses, con persoas obrigadas a ir de pé ou que quedan tiradas nas paradas. “O PP non aprendeu do fracaso anterior e reincide nun modelo sen futuro en lugar de elaborar un novo proxecto que atenda as demandas veciñais”, cuestionou.
Fronte a este problema, a proposta nacionalista pasa por incrementar con carácter xeral como mínimo un 25% o número de frecuencias así como incluír mecanismos de reforzo para atender os picos puntuais de demanda e para aquelas rutas que rexistran unha maior intensidade de uso.
As alegación do Bloque sinalan tamén a ausencia dun estudo de variantes dos percorridos principais en base á demanda existente, con liñas que conecten tamén os centros parroquiais alonxados das vías principais, e que garantan tamén servizos directos entre os propios concellos. Aliás, reclaman rutas directas desde os municipios da área de Vigo que permitan acurtar os tempos das viaxes.
Conexións cos centros de ensino e sanitarios
Esixen ademais que se melloren as conexións co campus da Universidade de Vigo e centros de ensino do Meixoeiro, adaptando os horarios para que se axusten ás entradas e saídas das aulas, e co Hospital Álvaro Cunqueiro. Outras das eivas denunciadas pola veciñanza chaman a reforzar as conexións coa estación intermodal de Vigo, o aeroporto de Peinador e a estación marítima.
Dende a fronte nacionalista poñen o foco tamén na falla da integración do bus urbano de Vigo e do interurbano nos concellos afectados dentro do sistema de transporte da área metropolitana, acusando a PSOE e PP de torpedealo por intereses partidistas. Nese sentido, cualificaron de “falso” o actual plan metropolitano e reclamaron a creación dun ente xestor público que planifique e coordine a mobilidade fronte ao actual baseado en concesións a empresas privadas.
Denuncian a necesidade de mellorar as condicións tanto dos vehículos para facelos máis sostíbeis e confortábeis, de vez que demandan a mellora das marquesinas, da sinalización de paradas e da implantación de aplicacións dixitais para contar con información en tempo real.
Para o BNG é tamén urxente unha revisión do sistema de tarifas ampliando as bonificacións para facilitar o uso por parte de persoas desempregadas e con rentas baixas, xubiladas e estudantado, así como melloras na atención das necesidades específicas de persoas con discapacidade e con problemas de mobilidade.Outras das reinvidicacións recollidas nas alegacións do Bloque teñen a ver coa necesidade de garantir a estabilidade do emprego, condicións laborais e salarios dignos para o persoal, diante da precariedade que derivou nunha recente folga. E ante a previsión de novos procesos de contratación, chaman a unha “competencia xusta fronte á pretensión monopolística das grandes empresas do sector”.

