HomePontevedraO BNG esixe á Xunta que tome medidas para protexer a ponte...

O BNG esixe á Xunta que tome medidas para protexer a ponte medieval de Ponte Sampaio

- Anuncio -spot_img

O goberno galego incumpriu un acordo parlamentar de 2018 que instaba á Xunta a desenvolver un plan de mellora da seguridade viaria na PO 264

O grupo nacionalista, por medio dos deputados Manuel Lourenzo e Luís Bará, anunciou a presentación de iniciativas parlamentares relacionadas coa ordenación do tráfico, a sinalización, a conservación e a protección da ponte e da súa contorna. Ademais, o grupo nacionalista pediulle á Xunta que se leven a cabo de maneira urxente os traballos de recuperación e reposición das pedras do petril derrubadas como consecuencia dun accidente de tráfico.

Logo de que nas pasadas horas se producise un novo accidente que provocou importantes danos na varanda de pedra da ponte medieval de Ponte Sampaio, o BNG demandou da Xunta medidas inmediatas e eficaces para protexer o viaduto.

O BNG lembra que a ordenación do tráfico é competencia da Garda Civil, a estrada PO 264 entre Paredes e Arcade é de titulariedade autonómica e polo tanto a ponte tamén é de competencia da Xunta. Malia que son coñecidos os problemas de tráfico e seguridade viaria nesta zona, e que son reiterados os accidentes que causan danos no viaduto, a administración autonómica non investiu un euro na súa protección, conservación e mellora.

Cómpre ter en conta que a ponte é a principal vía de comunicación peonil entre Ponte Sampaio e Arcade e ademais forma parte do camiño de Santiago, o que o converte en lugar de paso obrigado para miles de peregrinos (máis de 130.000 en 2022 segundo datos non oficiais). A convivencia de coches e peóns nun vial moi estreito fai que sexan constantes das incidencias e as situacións de risco, polo que é urxente que a Xunta adopte medidas para garantir a preferencia peonil e a seguridade das persoas que se desprazan a pé.

Acordo parlamentar de 2018 para mellorar o tráfico e a seguridade viaria

No ano 2018 o parlamento galego aprobou por unanimidade un acordo, por iniciativa do BNG, para estudar medidas de calmado de tráfico e seguridade viaria na contorna da ponte e no núcleo urbano de Ponte Sampaio, mais ao longo de catro anos non se fixo absolutamente nada.

Daquela, o PP votou en contra da proposta de elaboración pola Xunta dun Plan integral de conservación, limpeza, protección, ordenación da contorna e promoción da ponte de Ponte
Sampaio.
“Como consecuencia do desleixo da Xunta, a ponte presenta un estado de absoluto abandono: non se fan labores de limpeza, non se realizan traballos de conservación, a alumeado é deficiente, permítese a instalación de cableado e mobiliario urbano non acorde co valor histórico e patrimonial do conxunto e non hai unha correcta sinalización viaria”.

Diante da desatención por parte do goberno galego, o grupo nacionalista anunciou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentares encamiñadas a

1)Aprobar un proxecto para a mellora do tráfico e a seguridade viaria na PO 264, con especial atención ao calmado do tráfico na contorna da ponte medieval e no núcleo urbano de Ponte Sampaio e coa implantación de medidas de preferencia peonil nas zonas máis sensíbeis.

2)Execución dun proxecto para a mellora do alumeado da ponte e para a retirada de elementos que afean o conxunto como cables e colectores.

3)Desenvolvemento dun Plan integral de protección, conservación, limpeza e promoción da ponte medieval de Ponte Sampaio, acorde coa súa relevancia histórica, o seu valor patrimonial e o seu simbolismo.

Ademais, o grupo nacionalista pediulle á Xunta que se leven a cabo de maneira urxente os traballos de recuperación e reposición das pedras do petril derrubadas como consecuencia dun accidente de tráfico.

Publicacións Relacionadas